Ourense e Israel honran ás irmás Touza coa doazón dunha “Menorah”
Manuel Baltar agradeceu a distinción e comprometeuse a que a Menorah “figurará exposta no Pazo Provincial”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe de mans de Juan Carlos Piñeiro Docampo, director rexional para Galicia e países de fala portuguesa da Cámara Multilateral de Comercio e Corporación de Israel e Iberoamérica (C.M.C.C.I.I.), unha “Menorah”, o candelabro ou lámpada de aceite propia da cultura hebrea, un dos obxectos simbólicos máis importantes do xudaísmo. A doazón ten como finalidade honrar a memoria das irmás Touza e destacar a relación de Ourense co pobo xudeu. A placa conmemorativa recolle: “Para la Honorable Diputación de Ourense, en agradecimiento por la preservación de la historia de la comunidad judía de Ourense y Galicia”.
Manuel Baltar agradeceu a distinción e comprometeuse a que a Menorah “figurará exposta no Pazo Provincial”, salientando “o gran labor humanitario que realizaron as irmás Touza, un referente de solidariedade e un exemplo de concordia entre as persoas e os pobos”.
No acto celebrado no Pazo Provincial tamén participaron as concelleiras de Ribadavia Noelia Rodríguez e Cristina Otero, e por videoconferencia, Assaf Morán, ministro conselleiro da Embaixada de Israel en España, e David Obando Abraham, presidente da C.M.C.C.I.I.
Os actos de lembranza polas irmás Touza continuaron pola tarde en Ribadavia, no Centro de Información Xudea de Galicia, cunha recepción por parte do alcalde da vila, César Fernández, a quen lle foi entregada outra Menorah, na honra de Lola, Amparo e Julia Touza, as tres irmás que desde Ribadavia axudaron a salvar a centos de persoas que fuxían do holocausto Nazi en tempos da Segunda Guerra Mundial.