Infraestructuras

Obras de mellora nos poligonos de San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar

Actuarase nas vías OU-105, OU-510, OU-537 e OU-538, ao seu paso polos municipios de Ourense, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas

Óscar Gómez

Ourense | 23.09.2020 08:44

Infraestructuras nos poligonos de Ourense
Infraestructuras nos poligonos de Ourense | Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora do firme en catro estradas autonómicas da contorna dos polígonos de San Cibrao das Viñas e do Pereiro de Aguiar, en Ourense.

Estas actuacións, cun investimento de máis dun millón de euros, levaranse a cabo durante as vindeiras semanas coa fin de rematalas a finais de outubro, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan axeitadas.

Os traballos desenvolveranse en varios tramos das estradas OU-105, OU-510, OU-537 e OU-538 ao seu paso polos municipios de Ourense, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas.

Na estrada OU-105, actuarase dos puntos quilométricos 0 ao 4+250, ao seu paso polo concello de Ourense, e desde o punto 4+250 ao 5+129, en San Cibrao das Viñas.

Na estrada OU-510 as tarefas estenderanse do punto quilométrico 0 ao 5+179, no concello de Ourense, e na OU-537 desde o quilómetro 0 ao 3+948, no concello de Pereiro de Aguiar.

A intervención na OU-538 comprende o treito que vai do punto quilométrico 0 ao 1+110, no municipio de San Cibrao das Viñas.

Os traballos obxecto deste contrato prevén a mellora do estado do firme con actuacións de reparación, rehabilitación e reforzo, limpeza de gabias e reperfilado de noiros, así como o repintado da sinalización horizontal e reposición da sinalización vertical e balizamento.

Esta actuación súmase ao novo acceso ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas desde a A-52, que vén de poñer en servizo a Xunta.

O Goberno galego continúa a reforzar a seguridade viaria nas estradas autonómicas, ao tempo que impulsa investimentos para favorecer a actividade económica.