Medio Ambiente

Medio Ambiente aproba o primeiro PXOM de Rubiá

Entre as previsións do novo modelo de ordenación cómpre subliñar a determinación da capacidade máxima de uso residencial do municipio e a ampliación do sistema xeral de zonas verdes

Óscar Gómez

Ourense | 29.09.2020 08:28

Reunión de Angeles Vazquez, co alcalde de Rubiá
Reunión de Angeles Vazquez, co alcalde de Rubiá | xunta de galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou a orde de aprobación definitiva do PXOM de Rubiá (Ourense), un documento que está chamado a guiar a evolución urbanística do concello durante os próximos 20 anos e que substituirá ao Plan Básico Autonómico polo que se rexía ata o de agora.

En presenza do rexedor Elías Rodríguez, a conselleira subliñou que se culminan hoxe case 12 anos de traballo durante os que os redactores do plan xeral tiveron que estudar ao detalle os 100 km2 que abrangue o municipio, así como as 10 parroquias nas que se divide o seu territorio e se asentan os seus 1.393 habitantes.

Como principal obxectivo da nova ordenación urbanística de Rubiá, Ángeles Vázquez indicou que mellorará a calidade de vida veciñal poñendo por unha banda en ordenación un importante número de edificacións xa existentes e pola outra, mantendo a morfoloxía actual do concello, que concentra na capital a maioría dos servizos e da actividade.

De feito, no núcleo de Rubiá prevese completar a malla urbana de cara a garantir a súa integración co medio rural. Tendo isto en conta, delimítanse no PXOM os núcleos rurais atendendo á súa tipoloxía histórica ou común, coa intención de recoller as vivendas existentes e rematar os espazos intersticiais entre elas. Tamén se reserva exclusivamente a vivenda colectiva ao núcleo urbano, quedando o modelo unifamiliar para os solos restantes. Tamén en materia de vivenda, no documento urbanístico determínase a capacidade máxima de uso residencial para as próximas dúas décadas, cunha previsión de crecemento de 599 vivendas novas.

En canto ao sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, no PXOM prevese a ampliación da contorna do campo de fútbol, considerada como o principal lugar de esparexemento da poboación municipal. Neste sentido, o novo planeamento reserva case 64.000 m2 a este tipo de dotacións (un 24,6% máis do mínimo esixido po lei) e preto de 35.000 m2 ao sistema xeral de equipamentos comunitarios (o que supón duplicar a superficie obrigatoria).

En canto ás diferentes tipoloxías de solo, o estudo detallado do termo municipal pon de manifesto que o 98,4% do territorio de Rubiá é solo rústico, seguido polo solo de núcleo rural (1,05%) e o urbano (0,55%).

12 millóns para axudar aos concellos

Coa aprobación deste novo documento son xa 110 os concellos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente. 80 destes plans foron aprobados polo actual Goberno galego e 21 só na pasada lexislatura, que rematou no mes de agosto coa constitución do novo Parlamento.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que o traballo desenvolvido pola Xunta desde 2009 en materia de urbanismo ten coma obxectivo final que non haxa ningún concello en Galicia sen PXOM. Cómpre lembrar que entre as competencias urbanísticas que ten atribuídas a Xunta se atopa o fomento da redacción dos plans municipais co fin de que os concellos dispoñan de documentos de ordenación do territorio adaptados á lexislación en vigor e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento.

Entre as distintas vías ás que recorre o Goberno galego para fomentar que os municipios conten con plans propios cómpre sinalar as ordes polas que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a redacción dos seus plans urbanísticos. De feito, nestes momentos ten comprometidos 12 millóns de euros a través de convenios de colaboración con 191 concellos que están a redactar os seus planeamentos e plans especiais.

No caso do concello ourensán de Rubiá, a achega da Xunta para financiar o PXOM ascendeu a preto de 64.000 euros, unha contía da que tan só queda por abonar a fase correspondente ao trámite de aprobación definitiva.