Cultura

Manuel Baltar visualiza a montaxe final de Luarada

Este proxecto audiovisual, narra a historia do maior asasino en serie documentada en España, acontecida na Galicia rural de mediados do século XIX

Óscar Gómez

Ourense |

grabacion de luarada | La Voz de Galicia

O director do filme Luarada, sobre a vida de Manuel Blanco Romasanta, presentou ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a montaxe final deste proxecto audiovisual, que se vai estrear na vindeira edición do Ourense Film Festival (OUFF) e que forma parte dun proxecto que converterá a esta mediametraxe nunha longametraxe, que conta co apoio da Deputación de Ourense . Ao acto asistiron tamén o produtor do filme, José Manuel Freiría; o protagonista, Marcos Vázquez, e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar. A película narra a historia do maior asasino en serie documentada en España, acontecida na Galicia rural de mediados do século XIX.

Baltar destaca que o filme “ten unha calidade excepcional e unha ambientación perfecta da contorna onde se desenvolve a historia de Romasanta; e teño que felicitar ao director, ao produtor, aos protagonistas e a todo o reparto e ao equipo técnico, porque este produto audiovisual superou todas as expectativas de calidade e ese será o ditame do público que terá a oportunidade de velo no OUFF”.

Manuel Baltar, visualiza a montaxe final do filme Luarada | Deputación de Ourense

O presidente do goberno provincial afirma que este xeito de narrar a vida de Romasanta e os seus aconteceres “reflicte fielmente a historia e o perfil psicolóxico do personaxe”, e engade que a Deputación seguirá nesta liña de apoio audiovisual na provincia, como fixemos collendo as rendas do OUFF ou cooperando na produción audiovisual para a rodaxe de documentais, longametraxes ou series. Ourense conta co escenario perfecto, e neste ámbito seguiremos, con esa Ourense Film Commission convertendo a nosa provincia nun gran plató de cinema”.

Ao remate do pase, Baltar transmitiulle os seus parabéns a Óscar Doviso e a todo o seu equipo, “porque esta aposta da Deputación situará a Ourense nun primeiro plano; é o que buscamos con esta historia, co coidado traballo de todos os profesionais e con este apoio cultural do goberno provincial”.

Luarada ten como obxectivo achegarse á figura do coñecido Lobisome, Manuel Blanco Romasanta logo dunha fonda tarefa de investigación histórica, etnográfica e psicolóxica. A historia comeza en 1845, cando Romasanta chega a Galicia procedente de Castela, e remarca a boa aceptación que tivo por parte do pobo, debido a súa colaboración e integración nas tarefas sociais e relixiosas, unha circunstancia que en pouco tempo mudará para convertese en tráxica. O equipo artístico está integrado por: Marcos Vázquez, Helen Bertels, Patxi Bisquert, Héctor Martínez, Candela López, José Manuel Mao e Lucía Rodríguez, sendo o guion de Oscar Doviso, Ollala Moreiras e David Caride, e a produción de Oscar Doviso, José Freiría e Marcos Vázquez.