Ourense capital

Os hostaleiros solicitan a mediación municipal para a convivencia entre o lecer e o descanso

Unión de Hosteleros Ourensanos (UHO), Cociña Ourense, Véxote nos Viños e Asociación de Bares Especiais (ABE) expuxéronlles ao alcalde e ás concelleiras de Urbanismo, Comercio, Seguridade Cidadá e Saúde un documento con peticións e compromisos coa intención de "participar nas propostas, normativas, proxectos, ideas e convivencia veciñal".

Adriana Ochoa Arévalo

Ourense | 27.07.2020 09:33 (Publicado 27.07.2020 09:23)

Unión de Hosteleros Ourensanos (UHO), Cociña Ourense, Véxote nos Viños e Asociación de Bares Especiais (ABE)- e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
Unión de Hosteleros Ourensanos (UHO), Cociña Ourense, Véxote nos Viños e Asociación de Bares Especiais (ABE)- e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Concello de Ourense

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá unha reunión entre unha representación da hostalaría local -composta por Unión de Hosteleros Ourensanos (UHO), Cociña Ourense, Véxote nos Viños e Asociación de Bares Especiais (ABE)- e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e as concellerías implicadas: a de Urbanismo, Comercio, Seguridade Cidadá e Saúde -representadas por Sonia Ogando, María Dibuja e Eugenia Díaz, respectivamente-. A intención deste encontro, solicitado por rexistro, foi "participar nas propostas, normativas, proxectos, ideas e convivencia veciñal".

Os hostaleiros ofreceron un documento con diferentes puntos: os que contiñan peticións e os que contiñan compromisos. Así, as asociacións profesionais solicitaron a modificación dos horarios de recollida de lixo e limpeza de rúas posterior ao peche das terrazas; pediron a revisión dos horarios de peche; Tamén solicitaron a presenza policial para garantir o cumprimento dos horarios; igualmente, preguntaron pola entrada en vigor da ordenanza anti-botellón.

As catro asociacións solicitaron que se fagan efectivas as sancións para aqueles locais que non cumpran coas normativas de ruídos e de vibracións, para aqueles que non efectúen a súa actividade acorde coa licenza que lle corresponde, e para aqueles que non cumpran horarios e normativa da Covid19. Esta última, dirixida a todo o concello, "sen discriminación de zonas".

Participar nas propostas, normativas, proxectos, ideas e convivencia veciñal"

Pero os hostaleiros tamén ofreceron a súa colaboración: adquiren o compromiso de cumprir cos acordos municipais; préstanse á difusión e petición -a todos os integrantes do sector- do compromiso de cumprimento dos horarios; a solicitar sancións para aqueles que incumpran as normativas, especialmente as hixiénico sanitarias; e tamén a difundir a normativa de ruídos.

A representación municipal comprometeuse a estudar as peticións dos hostaleiros, esgrimindo que se trata dun asunto transversal entre as diferentes concellerías, garantindo en todo momento a convivencia harmónica entre o dereito lexítimo dos empresarios, a oferta de lecer e o descanso dos veciños, e sempre dentro dos parámetros da legalidade vixente.