Ourense Cidade

“O Goberno central non deixará a ningún estudante ourensán atrás"

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 22.05.2020 08:37 )

Xurxo Doval | Twitter

Xuventudes Socialistas de Ourense recibe positivamente as medidas tomadas polo Goberno de Pedro Sánchez de “gran impacto social” destacando o anuncio de aumentar o presuposto das bolsas de estudo nun 22%. A organización considera que “este incremento de 1900 millóns de euros para o curso 2020/21 suporá un balón de osíxeno para máis de medio millón de estudantes de formación de grado-mestrado e non universitaria”. Ademais de destacar a ampliación da cobertura para as rendas máis baixas consideran acertado que “se flexibilicen máis as condicións académicas para o seu acceso”.

Engaden que “nesta loita ninguén pode quedar de lado e menos o futuro do país, así o está demostrando o executivo revertendo as medidas nefastas do ano 2012 que deixaran fora do sistema a miles de persoas, mágoa que Jácome non poida dicir o mesmo da súa xestión en Ourense”. Pola contra afirman que “O Goberno Central non deixará a ningún estudante ourensán atrás”.

O secretario xeral, Xurxo Doval, asegura ante as críticas que suscitaron estas medidas que “as bolsas educativas non son premios, son ferramentas que permiten unha garantía de acceso a un dereito básico coma a educación nunhas condicións de igualdade de oportunidades” O líder mozo rematou afirmando que “a xuventude galega sabe quen estivo aí e quen non nesta crise, quen aposta pola educación e os servizos públicos e quen non, e o vindeiro mes de xullo abrirase un novo tempo político en Galicia para seguir garantindo estes dereitos”.