Infraestructuras

18 empresas presentan as súas ofertas para mellora do sistema de abastecemento no Concello de Lobios

Os traballos, que se centrarán na actualización do sistema de distribución, solucionarán as frecuentes roturas na rede por mor do exceso de presión

Óscar Gómez

Ourense | 11.11.2020 08:43

18 empresas presentan as súas ofertas para mellora do sistema de abastecemento no Concello de Lobios
18 empresas presentan as súas ofertas para mellora do sistema de abastecemento no Concello de Lobios | La voz de galicia

Un total de 18 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora do sistema de abastecemento no concello de Lobios. O contrato, licitado por case 350.000 euros, conta cun prazo de execución de catro meses.

Esta intervención ten como obxectivo resolver as carencias na rede de abastecemento nos núcleos de Vilameá, A Devesa, San Paio e Esperanzo coa fin de optimizar a calidade de subministro á poboación. As obras contan co cofinanciamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). As actuacións proxectada por Augas de Galicia distribuiranse en dúas zonas: unha en Vilameá e A Devesa, e a outra en San Paio e Esperanzo.

A intervención na contorna de Vilameá e A Devesa consiste na execución dunha rede de distribución desde o depósito actual ata os dous núcleos. Proxéctase un anel principal en tubaxe de polietileno soldable dunha lonxitude de preto de 1 quilómetro. Desde o anel, prevese a instalación de tubaxes, que distribuirá o caudal necesario aos dous núcleos.

En canto aos traballos en San Paio e Esperanzo, acometeranse redes independentes para estes dous núcleos de poboación. A rede partirá do depósito existente e terá unha lonxitude de máis de 1.71 quilómetros, e desde o anel principal, e para distribuír caudal aos dous núcleos, instalaranse uns 973 metros de tubaxes.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan desenvolver de xeito eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento.