Cultura

A Deputación Ourense reforza a investigación histórica e a promoción cultural da Limia

Manuel Baltar asina un convenio con Delfín Caseiro, presidente da Asociación do Museo Etnolóxico da Limia, e con Manuel Seoane, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia, para garantir a publicación da revista Lethes e a dixitalización da biblioteca da Limia

Óscar Gómez

Ourense |

Manuel Seoane, Manuel Baltar e Delfín Caseiro, asinando o convenio
Manuel Seoane, Manuel Baltar e Delfín Caseiro, asinando o convenio | Deputacion de ourense

Deputación de Ourense vén de dar un paso importante para potenciar a investigación e a difusión da historia e da cultura da Limia, co acordo asinado hoxe polo presidente provincial, Manuel Baltar, con Delfín Caseiro, presidente da Asociación do Museo Etnolóxico da Limia, e con Manuel Seoane, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia, para a publicación da revista Lethes. Cadernos culturais do Limia, durante os vindeiros catro anos, e a dixitalización biográfica da biblioteca da Limia do Museo da Limia.

Segundo o convenio, a institución provincial asume a impresión de 300 exemplares da publicación anual Lethes. Cadernos culturais do Limia e doutros 300 exemplares dunha publicación anual monográfica relacionada coa Limia, así como o deseño e programación dun catálogo dixital sobre os autores da comarca da Limia, integrada na web do Museo da Limia. O Centro de Cultura Popular do Limia e o Padroado do Museo da Limia asumen os traballos de edición da publicación da revista e do monográfico, e farán constar a colaboración da Deputación na portada da publicación antedita, así como nas páxinas webs e redes sociais nas que se difunda a publicación Lethes e a obra dos autores na biblioteca da Limia.

Coa sinatura deste convenio garántese a edición, publicación e distribución dunha das revistas culturais máis importantes do país na actualidade, Lethes. Cadernos culturais do Limia, que este ano celebra o 20º aniversario, e que se verá complementada cunha publicación monográfica, para afianzar a promoción cultural das terras limiás, ademais de facilitar a dixitalización da biblioteca da Limia, para dar valorizar aos creadores do territorio e a súa obra.

As primeiras publicacións amparadas por este acordo serán A Reina Loba (lenda), de Manuel Seoane, e o número 15 da revista Lethes. Cadernos culturais do Limia, que dedicará boa parte do seu contido ao coñecemento e promoción da Vía XVIII, Vía Nova, que une Braga e Astorga, atravesando a maior parte dos concellos limiaos, a fin de facer dela un motor de dinamización social, cultural, fraternal e económica do territorio.