A Deputacion de Ourense organizarán en 2021 unha exposición sobre Alfonso X “O Sabio”
Nunha reunión celebrada en Santiago, Manuel Baltar, e a presidenta do Consello, Rosario Álvarez, abriron unha liña de colaboración que permitirá acoller en Ourense, unha mostra na que terá un destacado papel a pegada que o rei de Castela e León deixou na provincia.
“Alfonso X O Sabio e Galicia” será o título da exposición que a Deputación de Ourense e o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia, organizarán no ano 2021 “e na que terá un destacado papel a pegada que o rei de Castela e León deixou na provincia ourensá”. Así o anunciou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, logo da reunión que hoxe mantivo en Santiago coa presidenta do Consello, Rosario Álvarez, como punto de partida para abrir unha liña de cooperación en proxectos culturais de interese tanto provincial como autonómico.
No Pazo de Raxoi, onde tivo lugar o encontro, Manuel Baltar e Rosario Álvarez estudaron os detalles dunha iniciativa que permitirá traer a Ourense o próximo ano unha exposición sobre as Cantigas de Santa María e a época de Alfonso X “O Sabio”. Unha mostra de carácter cultural e histórica que, segundo manifestou Manuel Baltar, “terá unha notable importancia para Ourense pois porá de relevo a pegada que o rei de Castela e León deixou na nosa provincia en lugares tan emblemáticos como Oseira, Xunqueira de Espadanedo, Allariz, Baños de Molgas, Celanova, Melón ou a propia capital”.
Manuel Baltar, que foi invitado a asinar no libro de honra do Consello da Cultura Galega, tamén adiantou o interese da Deputación de Ourense por acoller en 2021 no Centro Cultural Marcos Valcárcel a exposición “Alba de Gloria”, unha recreación do discurso que Castelao pronunciou o 25 de xullo de 1948 no Teatro Arxentino, como colofón das Xornadas Galegas que organizara o Centro Galego de Bos Aires. Unha iniciativa que permitiría dar continuidade á exposición “Castelao e Prada, irmaus¡” que en 2018 acolleu a antiga biblioteca do Pazo Provincial e que permitiu ver, xunto ás cinzas de Rodolfo Prada Chamochín e a súa dona, a icónica obra “A derradeira leición do mestre”, pintada en 1945 polo máximo representante do nacionalismo galego.
No decurso da reunión, Manuel Baltar e Rosario Álvarez abordaron outros proxectos que se poderían desenvolver no ámbito da colaboración entre a institución provincial e o Consello nos próximos anos -2022, 2023-, “para o que ofrecín a capacidade organizativa da Deputación de Ourense no deseño de calquera proxecto cultural”, poñendo como exemplo a exposición “In tempore sueborum”, a mostra máis importante realizada en Europa sobre o mundo suevo.
Neste contexto, o presidente da Deputación detallou a actividade e xestión de infraestruturas culturais que leva a cabo a institución provincial, a través do xa citado centro cultural Marcos Valcárcel, o centro de cultura popular “Xaquín Lourenzo”, a publicación da revista Raigame,a Real Banda de Gaitas da Deputación ou o Anuario que publica a Escola Provincial de Gaitas, que hoxe mesmo presentou a súa edición número 34.