Cultura

A Deputación acollerá o arquivo persoal do escritor Xosé Fernández Ferreiro

Manuel Baltar salientou “o compromiso con Galicia de Fernández Ferreiro, deixándonos unha ampla obra na nosa lingua"

Óscar Gómez

Ourense |

A Deputación acollerá o arquivo persoal do escritor Xosé Fernández Ferreiro | onda cero

A Deputación de Ourense acollerá o arquivo persoal e a biblioteca –con máis de 6.000 volumes- de Xosé Fernández Ferreiro, escritor e xornalista nacido en Espartedo (Nogueira de Ramuín), académico da Real Academia Galega, falecido en 2015. Toda esta documentación formará parte dos fondos da Deputación de Ourense, arquivados na Biblioteca provincial. A este acordo chegaron o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o escritor Francisco Xosé Fernández Naval, testamenteiro do autor de A morte dun afiador ou Agosto do 36; e tamén no que atinxe á reivindicación do seu legado e traxectoria profesional e persoal, con diferentes iniciativas nas que xa se está a traballar, como un roteiro literario en Nogueira de Ramuín, concello no que gran parte da súa toponimia atópase na obra do autor.

Manuel Baltar salientou “o compromiso con Galicia de Fernández Ferreiro, deixándonos unha ampla obra na nosa lingua, destacando o seu traballo como narrador, con quince novelas e un libro de relatos, sen dúbida un dos escritores galegos que máis e mellor traballaron este xénero literario”, afirma Baltar.