Deputación, Abanca e Concello de Pereiro de Aguiar cooperan no apoio á natalidade
A tarxeta “Benvido a Pereiro” vai na liña da axuda que o goberno provincial desenvolve desde 2014 coa tarxeta “ChegOU"
O presidente da Deputación, Manuel Baltar; o delegado territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, e o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, asinaron hoxe no Pazo Provincial dous convenios de colaboración para cooperar no apoio da natalidade neste municipio da provincia de Ourense.
Trátase da tarxeta “Benvido a Pereiro”, que vai na liña da axuda que o goberno provincial desenvolve desde 2014 coa tarxeta “ChegOU”, e que ten como obxectivo apoiar ás familias empadroadas no concello para mercar material de farmacias e parafarmacias destinado a nenos nacidos entre 2018 e 2020. Desta maneira, Pereiro de Aguiar pon en marcha, un programa de subvencións para a concesión de axudas económicas as persoas que entre eses anos tiveran un fillo, ou constituído tutela ou adopción dun neno. Para o acceso á axuda é preciso que o solicitante conste empadroado no Concello de Pereiro cunha antigüidade mínima dun ano, e que tamén conste inscrito o menor.
Abanca colabora na instrumentalización da axuda económica prevista no programa “Benvido a Pereiro” e asume a efectividade do pago ás familias a través da carga da tarxeta. O concello será titular das tarxetas solicitadas á entidade e remitirá as mesmas ás familias e ás instrucións para a súa activación, informando das condicións de uso, mentres que a Deputación de Ourense, na súa labor de asistencia a municipios, poñerá a disposición do concello os mecanismos e instrumentos operativos máis acaídos para que este programa se desenvolva de forma eficaz e fluída.
A tarxeta poderá ser utilizada en calquera establecemento afiliado ou adherido ao sistema que empregue a tarxeta, encadrado baixo os sectores de actividade e categorías comerciais de medios de pago correspondente aos establecementos que estipula o acordo.
No marco deste programa, A Deputación de Ourense e o Concello de Pereiro de Aguiar asinaron tamén un convenio de colaboración para a mellora da atención á cidadanía a través da redución da carga administrativa e de prazos de resposta no programa “Benvido a Pereiro”. Neste sentido, coa finalidade de simplificar o acceso ás subvención do programa ChegOU e da tarxeta “Benvido a Pereiro”, ao seren compatibles entre si, Deputación e Concello consideran que os beneficiarios do programa ChegOU nos anos 2018, 2019, e 2020 no concello de Pereiro de Aguiar, acreditan os requisitos esixidos polo concello para o acceso a subvención “Benvido a Pereiro”, sen que sexa preciso aportar, por parte da persoa solicitante, documentación algunha para acreditar este feito. O acorto contempla tamén achegar o acceso a esta liña de axudas a todas aquelas persoas que foron xa beneficiarias do programa ChegOU da Deputación no Pereiro de Aguiar e que poden estar en situación de acceder as agora reguladas polo concello.