O Consello Municipal de Deportes organiza unha carreira virtual para manter vivo o espírito da San Martiño
A actividade recabará fondos para dous proxectos solidarios de Cruz Vermella e Cáritas
O Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense organiza unha San Martiño Virtual, coa que convida aos amantes do deporte a que contribúan a manter vivo o legado da carreira popular ourensá, a máis lonxeva de Galicia, neste ano 2020, no que a carreira non se poderá levar a cabo a causa da pandemia da COVID. A actividade recabará fondos para dous proxectos solidarios de Cruz Vermella e Cáritas.
As persoas interesadas poderán inscribirse desde o 25 de novembro, a través da web oficial: http://asanmartino.com/, ou dunha aplicación móbil. Non hai cota de inscrición, pero si deberán efectuar unha doazón mínima dun euro en favor dalgúns dos proxectos solidarios.
Con esta doazón, o participante comprará quilómetros (5 ou 10 km) que lle permitirán desenvolver un reto individual e participar noutro colectivo.
Reto colectivo. Unha corredora virtual, a castaña Martiña tentará realizar o percorrido tradicional da carreira do san Martiño (10.000 metros) para o que contará co apoio dos participantes. Cada quilómetro comprado por un corredor suporá 1 metro nese reto colectivo. Cada día actualizarase a posición da corredora virtual e poderemos ver onde se atopa no circuíto cos quilómetros sumados entre todos. No caso de completar o percorrido, se lle dará tantas voltas ao mesmo como quilómetros se vaian reunindo entre todos.
Reto individual. Os participantes poderán descargarse unha aplicación móbil que permitirá rexistrar a súa carreira persoal real de 5K ou 10K, segundo elixan, coa opción de compartir unha foto cun filtro, emulando unha chegada da San Martiño, coa data e o tempo que efectuou. A organización publicará unha clasificación coas marcas vinculadas aos dorsais dos participantes.
Reto escolar. A carreira quere tamén darlles aos profesores de educación física unha ferramenta de motivación dos seus alumnos na mellora da condición física. Os quilómetros efectuados por todos os alumnos, sumarán ao igual que no reto dos adultos (1 km = 1 m), na carreira de escolares. O corredor virtual avanzará polo percorrido, e entre todos os alumnos deberán intentar completar a carreira, ou repetila cantas máis veces posible.
Os retos poderán completarse ata o 20/12/2020, aínda que se pode ampliar.
Proxectos solidarios. Recadaranse fondos para dous proxectos solidarios, orientados á axuda a colectivos afectados pola crise sanitaria na nosa cidade:
Proxecto de Cruz Vermella, “Promoción do éxito escolar de nenos e nenas en dificultade social”, moi importante nos rapaces en idade escolar, sobre todo nestes períodos de confinamento.
Proxecto de Cáritas Ourense, específico para este evento “Corremos polos máis afectados pola pandemia da Covid 19”, que buscará continuar cubrindo necesidades básicas das persoas máis desfavorecidas da nosa cidade.
La Caixa efectuará unha doazón de 100€ por cada colexio participante, que se repartirá a partes iguais entre ambos proxectos.