Deportes

O Consello Municipal de Deportes instalará céspede de última xeración no campo de hóckey de Mariñamansa

A nova superficie, certificada pola FIH Global Category, permitirá a celebración de partidos internacionais

Óscar Gómez

Ourense |

O Consello Municipal de Deportes instalará céspede de última xeración no campo de hóckey de Mariñamansa | onda cero

O campo municipal de hóckey de Mariñamansa lucirá nova faciana. O Consello Municipal de Deportes (CMD) aprobou, na reunión do seu Consello Reitor celebrada hoxe, a contratación da "Execución da substitución de céspede e obras complementarias no campo de hóckey herba de Mariñamansa", unha intervención que contará cun orzamento de 473.226,70 euros e 3 meses de prazo de execución.

Esta decisión, incluída por vía de urxencia na orde do día, débese a que a superficie da instalación municipal superou a súa vida útil, e o desgaste do pavimento xera problemas de agarre para os deportistas de todas as idades. A maiores do risco para as persoas, o CMD valora o elevado custo dos continuos labores de mantemento. Polo tanto, instalarase un céspede artificial de última xeración que conta co certificado daFIH Global Category, o que permitiría a celebración de partidos internacionais

O proxecto implica a instalación dun céspede monofilamento texturizado, a substitución das porterías, unha nova instalación de rego, proxectores led, bancos a pé de campo, sistema de videogravación e alarma en toda as instalacións. Ademais, reformarase a cuberta, xa que en períodos chuviosos filtra auga ao interior das instalacións, xunto coa protección dos lucernarios.

Gastos e subvencións. Na reunión do Consello Reitor do CMD aprobouse, ademais, unha relación de facturas de diferentes provedores por valor de 56.463,97 euros, así como a concesión de subvencións a tres clubs deportivos para o desenvolvemento de eventos: 860 euros ao Club Maese Riders Team, para a Costiña de Canedo 2020; 850 euros ao Club Deportivo Xadrez Ourense, para I Outono de Xadrez; e 500 euros ao Club Deportivo Aurum para a organización de IX Trofeo Aurum.