O Concello remodelará e humanizará a contorna do pavillón de Oira, cun investimento de 360.000€
A xunta de goberno licita a redacción dos proxectos de humanización da Avenida de Portugal e de 4 rúas no barrio das Lagoas e a contratación das obras de acondicionamento das rúas Vázquez Núñez e Eirasvedras
O Concello de Ourense remodelará e humanizará a contorna do pavillón de Oira cun investimento de 358.992,42 euros. A xunta de goberno local aprobou na súa sesión o expediente para contratar a execución das obras, mediante procedemento aberto simplificado. Na mesma sesión, a xunta local aprobou contratar outras dúas obras: de acondicionamento das rúas Vázquez Núñez e Eirasvedras- San Miguel de Canedo, e a redacción dos proxectos de humanización da Avenida de Portugal e de 4 rúas do barrio das Lagoas. Na mesma sesión, deulle licenza á Asociación Española contra o Cancro para acondicionar como a súa sede un local no centro histórico.
O proxecto urbanización da zona de aparcadoiro tras o polideportivo de Oira ten como finalidade mellorar e acondicionar a contorna da parte traseira do equipamento deportivo, unha área de 5.600 metros cadrados, que se dotará de beirarrúas, zonas aparcamentos delimitados, espazos verdes, e renovará a súa rede de servizos, a iluminación e o mobiliario urbano, coa finalidade de acadar unha mellora xeral do espazo. O proxecto pretende darlle resposta ás solicitudes realizadas por veciños e usuarios das instalacións deportivas e de lecer que alí se atopan, que requirían dunha actuación que humanizase os accesos, independizase zonas da vía e de aparcamento e zonas de peóns, e mellorase o deficiente estado do pavimento actual. O proxecto está incluído no Plan de Investimentos Municipal 2016‐2017.
Realizarase unha actuación integral na contorna detrás do pavillón polideportivo: o aparcamento existente e a vía que o atravesa, as beirarrúas e todo o espazo público. Entre as actuacións, substituirase o pavimento existente, reporanse beirarrúas e executaranse outras novas, defínese un novo deseño da distribución de prazas de aparcamento para acadar unha organización máis eficiente e dirixir o tráfico interno delimitando as zonas de circulación de vehículos, para favorecer á seguridade para os peóns. Créanse novos espazos nos aparcamentos para persoas con mobilidade reducida e para autobuses, mellórase o sistema de iluminación, a rede de pluviais e instálase nova sinalización e mobiliario urbano. Trala reforma, o espazo sumará un total de 117 prazas de aparcamento para vehículos, 3 para autobuses, 24 de motos e contará cun aparcadoiro de bicicletas con capacidade para 38 unidades.