O Concello licita obras por valor de máis de 600.000 euros en diferentes barrios da cidade
Logo de asentar o firme, o proxecto de acondicionamento da Avenida Pardo de Cela e das beirarrúas será a intervención máis importante.
O Concello realizará obras de mellora e acondicionamento do firme na avenida Pardo de Cela, na rúa da Rabaza e nun tramo de Nosa Señora da Saínza, e na OU-506, até o cemiterio de Velle. Estas intervencións suman un investimento de 623.490,53 euros, e son forman parte das iniciativas aprobadas esta mañá00000 en xunta de goberno local. Noutra orde de cousas, aprobouse a adquisición de seis vehículos para a Policía Local, e concedéronse 14 licenzas de obra e apertura, dándolle pulo ao desenvolvemento de obras comunitarias -ascensores-, proxectos inmobiliarios ou a demolición da antiga estación de autobuses. En total, a xunta de goberno abordou 31 expedientes.
Licenzas (14). O Concello concedeu licenzas para acometer obras de mellora da accesibilidade -instalación de ascensores- a cinco comunidades da cidade. Tamén para a construción dun edificio de vivendas no centro histórico e para a rehabilitación doutro na mesma zona; para a construción dunha vivenda unifamiliar en Ramirás, para a rehabilitación da cuberta dun edificio da cidade, para a demolición dun inmoble no barrio das Lagoas, e para a demolición do edificio da Estación de Autobuses de Ourense, que executa a Xunta de Galicia cun orzamento de execución material de 363.776,27 euros.
Ademais, dáse conta da corrección de erros nun acordo de xunta de goberno do mes de xuño -para advertir da necesidade de presentar un proxecto de execución antes de comezar unha obra-, e da renuncia a unha licenza para a segregación de fincas.
No capítulo de aperturas, a xunta de goberno concedeu unha licenza para a adaptación dun local na rúa de San Miguel destinado a restaurante.
Patrimonio (4). O Concello recoñece, logo de estimar a solicitude de dúas particulares, que un camiño paralelo á rúa Estreita -en Seixalbo- e o Camiño do Estorniño -en Mende- non son de titularidade municipal, polo que se eliminarán do Inventario de Bens Municipal. Por outra banda, desestímanse -ao non concorrer os requisitos legais que dan dereito a unha indemnización- dúas reclamacións de responsabilidade patrimonial: unha polos danos causados nu soto dun edificio pola filtración de augas da rede de sumidoiros, e outra polas lesións sufridas por unha caída na rúa Chano Piñeiro.
Contratación (9). Aprobáronse os expedientes para a contratación de catro obras en diferentes puntos da cidade por un importe total de 623.490,53 euros. Así, o Concello destina 214.657,47 euros ao proxecto de acondicionamento da Avenida Pardo de Cela e das súas beirarrúas; 157.002,74 euros para a rúa da Rabaza; 49.618,47 euros á mellora da OU-506 até o cemiterio de Velle; e 202.211,85 euros ao acondicionamento da rúa Nosa Sra. da Saínza, no treito que vai desde a Avda. de Zamora até a rúa de Ramón Puga.
Nesta mesma área, aprobouse o expediente para a contratación -mediante acordo marco- da subministración de electricidade coa Central de Contratación da FEMP. O gasto será de 1.234.718,36 euros para os dous vindeiros anos.
Tamén se lle deu luz verde á contratación de seis vehículos patrulla para a Policía Local, en réxime de arrendamento con mantemento (renting), por un importe global de 420.480 euros para os seguintes catro anos, un paso máis para a renovación do parque móbil municipal..
Finalmente, deuse conta da ordenación decrecente das ofertas presentadas para a coordinación do proxecto europeo “Novas Oportunidades de Negocio para Pemes baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais (TFE)”, a empresa mellor valorada terá agora un prazo de 10 días para presentar toda a documentación requirida. En referencia a este mesmo proxecto europeo, a xunta adxudicou o seu servizo de auditoría externa, por un importe de 1.391,50 euros.
Xuventude (1). Aprobouse o convenio regulador para concederlle unha subvención nominativa -por valor de 9.000 euros- á Asociación xuvenil Amencer para os gastos do campamento urbano "cidade de Ourense" do exercicio 2020
Sanidade (1). Emendouse un erro de redacción para convenio co Comité Cidadán Antisida, quedando o resto do acordo como estaba.
Participación Cidadá (3). Acordouse a extinción do contrato de arrendamento dun local destinado á Asociación de veciños Asociacións de veciños Olimpo.