O comité de expertos económicos avoga por flexibilizar a xornada laboral
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, demandou a desvinculación dos ERTE de forza maior do mantemento do estado de alarma e deducións fiscais para incentivar a recuperación do emprego
O Comité de Expertos Económicos de Galicia, en cuxa reunión participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, concluíu a necesidade de que o Goberno –dentro das medidas básicas e urxentes que se deben adoptar– desvincule o expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) de forza maior do mantemento do actual estado de alarma. Tal e como apuntou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, despois da xuntanza, esta medida é necesaria para “dotar de seguridade xurídica e certeza aos propios empresarios e autónomos”.
A criterio dos expertos, que centraron a súa segunda reunión no ámbito do emprego, o que debe ser habilitante para a utilización deste instrumento é o impacto sobre o nivel de actividade das empresas derivado das medidas de distanciamento social, limitacións de afluencia ou de períodos de apertura ou calquera outra restrición para o desenvolvemento da súa actividade.
Entre as premisas irrenunciables sinaladas polo Comité, do que forman parte diversos expertos do ámbito académico, económico e empresarial de Galicia, así como os conselleiros de Facenda; Economía, Emprego e Industria; Medio Rural, e Mar; atópase tamén a introdución de mecanismos de flexibilidade na xornada laboral. Neste eido, segundo indicou Conde, “haberá que traballar entre sindicatos e a propia patronal para identificar puntos de encontro e ver como podemos adecuar a xornada laboral ás necesidades actuais desde o punto de vista empresarial”.
Do mesmo xeito, os expertos tamén demandan bonificacións nas cotas á Seguridade Social e deducións fiscais para incentivar o mantemento e a recuperación do emprego, unha medida que contribuirá ademais a minorar o impacto que a situación actual está a ter nas contas públicas. No encontro celebrado hoxe tamén se puxo o foco na necesidade de establecer protocolos para a volta á actividade desde o punto de vista da prevención, que permitan achegar confianza aos consumidores. Neste sentido, a Xunta está publicando guías sectoriais en colaboración con distintas asociacións empresariais, como é o caso dunha específica para o comercio.
Estas medidas, segundo sinalaron os especialistas que participaron no encontro, deben complementarse con accións dirixidas ao fomento do teletraballo e con plans de formación, vinculados sobre todo ás novas tecnoloxías.