Ourense Cidade

O Centro de Intelixencia Artificial do Concello incorpora os seus primeiros enxeñeiros informáticos

É un día histórico para Ourense”, sinalou o rexedor, que avanza que son os primeiros de ducias deles que se incorporarán proximamente.

Óscar Gómez

Ourense |

O Concello incorpora os seus primeiros enxeñeiros informáticos | concello de ourense

O Centro de Intelixencia Artificial conta desde hoxe cos seus dous primeiros enxeñeiros informáticos. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, presidiu esta mañá a toma de posesión de Édgar Figueiras e de Ignacio Abadín, dous científicos ourensáns, formados no campus da cidade, que acompañarán o director xeral de Innovación, Tecnoloxía e Intelixencia Artificial, David Olivieri, na posta en marcha do proxecto que desenvolve o Concello de Ourense en La Molinera. A eles uniranse a semana próxima un terceiro enxeñeiro, e ducias deles máis ao longo dos próximos meses.

Hoxe é un día histórico para a cidade”, declarou o alcalde de Ourense, “porque se incorporan os primeiros enxeñeiros informáticos para o centro de intelixencia artificial, cuxo embrión está totalmente en marcha”. Neste senso, dixo: “son só dous, mais é realmente algo simbólico porque é o inicio. As grandes andainas só poden empezar dun xeito: cun primeiro paso, e estas dúas persoas simbolizan ese primeiro paso”.

Os enxeñeiros desenvolverán o seu labor desde hoxe en La Molinera, sede do novo centro. Alí traballarán co director xeral David Oliveri en diferentes proxectos cos que combinarán a investigación co desenvolvemento de novos servizos tanto para o Concello, en apoio ao traballo que se realiza en diferentes áreas municipais, coma para as empresas locais e para a cidadanía.

Os dous enxeñeiros expresaron o seu entusiasmo por incorporarse ao Centro de Intelixencia Artificial. Édgar Figueiras dixo estar “moi orgulloso de formar parte deste proxecto que axuda a reter o talento total, que temos moito, e sobre todo por ter aquí a Escola de Informática, no campus de Ourense”. Para Figueiras é un “proxecto moi intelixente” que “pode reverter na pequena empresa e valorar Ourense e á axente que traballa aquí a un nivel superior”.

Pola súa banda, Ignacio Abadín expresouse “entusiasmado porque é un proxecto que a Ourense lle facía falta e que vai dar moito de que falar nos próximos anos. Necesitamos este proxecto en Ourense”. O enxeñeiro avanzou que desde o equipo do Centro de Coñecemento “traballaremos forte para crear unha boa base para seguir avanzando co paso do tempo e conseguir proxectos moi bos para Ourense”.