Cultura

300.000 Euros para poñer en valor a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil

O Goberno galego licita o proxecto de restauración deste inmoble que está declarado Ben de Interese Cultural na categoría de monumento

Óscar Gómez

Ourense | 03.07.2020 12:05 (Publicado 03.07.2020 12:03)

Monasterio de Santo Estevo de Ribas de Sil
Monasterio de Santo Estevo de Ribas de Sil | xunta de galicia

A Xunta de Galicia vén de licitar por preto de 300.000 euros a realización de actuacións de restauración na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, un dos concellos da Ribeira Sacra, un territorio de importante valor cultural, arquitectónico e paisaxístico que opta a ser declarado Patrimonio Mundial pola Unesco en 2021. Así, o templo de Santo Estevo de Ribas do Sil, que conta coa distinción de Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento, constitúe un dos exemplos de arquitectura románica máis relevantes desta zona.

Segundo a contratación publicada, as actuacións que se levarán a cabo no templo permitirán solucionar os importantes problemas de conservación e mantemento co fin de evitar o seu deterioro. Así, os traballos centraranse en resolver patoloxías derivadas das filtracións de auga, da falta de ventilación e dos problemas de capilaridade na base dos muros.

Concretamente, a intervención contempla a limpeza e reparación das filtracións de auga na terraza entre as torres mediante a súa impermeabilización, a limpeza e mellora do rexuntado con morteiro de cal nas fachadas e a reparación das sopenas de remate na cuberta. O proxecto de restauración tamén inclúe a impermeabilización da fachada sur, o acondicionamento e restauración da antesancristía e sancristía e a mellora da ventilación das fiestras e óculos.

As obras contan cun prazo previsto de execución de tres meses e cun orzamento de 300.000 euros que se reparten en dúas anualidades. No seu conxunto, as actuacións permitirán poñer en valor este elemento situado ao carón do Parador de Santo Estevo, o que supón un importante reclamo cultural e turístico para o concello ourensán de Nogueira de Ramuín.

Antigo eremitorio

A posible orixe da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil é que fora un eremitorio creado en torno ao século VI. A tradición di que foi fundado por San Martiño de Dumio, ao que tamén se lle atribúe a fundación do mosteiro de San Pedro de Rocas. O actual edificio é un templo de estilo románico de finais do século XII e principios do XIII que

conta con planta basilical con tres ábsidas semicirculares na cabeceira e cunha nave cuberta por unha bóveda de crucería, que substituíu no século XVI á orixina teitume de madeira.

A candidatura da Ribeira Sacra baséase, en boa medida, no gran patrimonio arquitectónico que se concentra neste territorio, o que o converte nunha testemuña excepcional da cristianización do Occidente de Europa que chega até os nosos días. Así, co obxectivo de conservar este legado, a Xunta ten abertos varios procesos de licitación para a conservación e restauración de inmobles como as igrexas de Santo Estevo de Atán, de San Vicenzo de Pombeiro ou de Santo Estevo de Ribas do Miño, entre outros.