Ourense Cidade

35 mulleres emigrantes ou en risco de exclusión social traballan, nun programa para gañar confianza, asociación e inserción laboral

O programa desenvolverase todos os martes até o mes de xuño, en sesións de 90 minutos adaptadas á realidade deste colectivo.

Óscar Gómez

Ourense | 22.10.2019 13:13

Más de ocho millones de personas se encuentran en situación de exclusión social en España
Más de ocho millones de personas se encuentran en situación de exclusión social en España | laSexta.com

A Concellería de Política Social, Igualdade e Sanidade iniciou hoxe os obradoiros do programa 'En familia todos contan: SABES', unha actividade dirixida a mulleres emigrantes e / ou en risco de exclusión social. En total, son 35 mulleres as que participan neste programa, que pretende facer labor de prevención dándolles valor e reforzando o seu papel na integración social de xeito positivo, así como potenciando que se convertan en axentes preventivos na súa contorna. Hoxe recibiron a visita da concelleira Eugenia Díaz Abella, que valorou esta iniciativa como “altamente positiva para visibilizar a poboación inmigrante, especialmente a feminina”, dixo, de maneira que “se fomente a participación activa de todas estas mulleres na nosa cidade”.

Traballarase -todos os martes desde hoxe até o mes de xuño- en promover a mellora da autoestima e o auto-concepto: as usuarias reflexionarán sobre a construción da identidade feminina e analizarán, de maneira crítica, as consecuencias do patriarcado na sociedade. Tamén se reforzarán conceptos para previr a aparición de actitudes xenófobas e racistas, e que faciliten un ambiente de confianza e comunicación entre elas, de modo que se poidan relacionar creando lazos de amizade e apoio.

A metodoloxía de traballo será activa, atendendo á diversidade e ás particularidades das participantes para fomentar a inclusión social e a participación. O programa ten en conta a evolución das usuarias, así como os seus ritmos e características, pois o proxecto caracterízase por presentar unha grande flexibilidade tendo en conta a súa opinión. As sesións, de 90 minutos, pódense modificar se a maioría das usuarias o solicita.

Estas 35 mulleres aprenderán, ademais, outro tipo de habilidades orientadas á súa inserción laboral. Así, entre os obradoiros previstos no programa SABES están: alimentación e saúde; manipulación de alimentos; afectividade, sexualidade e tabús; drogas e mitos; alfabetización informática; consumo e consumismo; trastornos alimentarios, etc.