Medio Rural

José Gonzalez pon en valor as posibilidades que ofrece a futura lei de recuperación da terra agraria

Xa se están poñendo en marcha figuras como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais.

Óscar Gómez

Ourense | 10.03.2020 11:56 (Publicado 10.03.2020 11:54)

O conselleiro de Medio Rural en Monterrei
O conselleiro de Medio Rural en Monterrei | xunta de galicia

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo un encontro con membros da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Ourense, aos que lles explicou polo miúdo as posibilidades que ofrece a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. A reunión tivo lugar no obradoiro de pan de Cea Aboamigalla, onde o conselleiro avanzou que xa se están poñendo en marcha figuras como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais coa intención de mobilizar, só este ano, máis de 5.000 hectáreas en toda Galicia.

José González faloulles aos novos empresarios ourensáns das aldeas modelo, das que xa hai 11 declaradas en Galicia, oito delas na provincia. Recalcou que o seu obxectivo é poñer en valor a actividade económica e social deses núcleos, para permitir a súa recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación, ao tempo que se busca unha anticipación ao problema dos lumes creando unha devasa natural fronte a eles.

Tamén se referiu aos polígonos agroforestais como outra iniciativa de mobilización de terras voluntaria que persegue a recuperación de parcelas en estado de abandono ou infrautilización, e que na provincia ourensá porá en valor terreos na Arnoia, O Carballiño ou Cualedro. A maiores, explicoulles o funcionamento das agrupacións de xestión forestal conxunta e as permutas de especial interese agrario. Todas elas -subliñou- beneficiarán tanto aos propietarios como aos agricultores, gandeiros e silvicultores, ademais de aos novos emprendedores e investidores.

O titular de Medio Rural situou esta norma como un dos eixes do crecemento do rural, xunto coa consolidación dos sectores produtivos tradicionais e a diversificación cara a novas plantacións de cereais e castaña, ou cara á agricultura ecolóxica. Nesa liña, puxo de relevo que hai 750 produtores en Galicia que apostan por un novo xeito de producir máis sostible e respectuoso co medio natural, que xeraron só en 2018 case 79 millóns de euros de volume de negocio.

Na súa intervención José González destacou tamén o selo Galicia Calidade, como clave para potenciar os produtos galegos de calidade diferenciada. Así, lembrou que este indicativo englobará, identificará e potenciará os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación. Galicia Calidade amparará tamén os produtos derivados das razas gandeiras autóctonas galegas, dándolle un valor engadido a estas producións, así como o selo Galega 100%, que recoñece e distingue o leite de calidade diferenciada producido nas explotacións leiteiras da nosa comunidade.

A maiores, o conselleiro avogou por un rural transversal que sirva de motor económico tamén mediante a aposta pola formación e a investigación. Nesa liña, José González referiuse ao pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón, que a Consellería quere transformar nun auténtico espello do rural, nun centro de referencia onde se poida transferir coñecemento e se avogue polas novas tecnoloxías para garantir o futuro do agro.

Pan galego

O titular de Medio Rural aproveitou o encontro para percorrer as instalacións do obradoiro de pan de Cea Aboamigalla, que puxo de exemplo para aseverar que “hai expectativas de ter rendibilidade no rural en proxectos con valor engadido, que tiren do autóctono, do singular e da diferenciación”.

Ante os empresarios ourensáns José González salientou tamén que xunto coa IXP Pan de Cea a Consellería está a desenvolver a indicación do Pan galego, con proxectos como “o desenvolvemento de áreas de mobilización para a plantación de cereais autóctonos”. O obxectivo é darlle un novo pulo a este produto de calidade tan apreciado dentro e fóra da nosa comunidade.