Medio Ambiente

Os escolares invitados a converterse en embaixadores das escolas verdes

Angeles Vázquez coñeceu os traballos que está a levar a cabo o IES Xesús Ferro Couselo de Ourense, un dos dez centros educativos da comunidade en participar na I Edición de Escola Verde

Óscar Gómez

Ourense |

Visita de Angeles Vázquez ao colegio IES Xesús Ferro Couselo | xunta de galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, invitou á totalidade da comunidade escolar de Galicia a converterse en embaixadores das Escolas verdes e que sigan o exemplo do IES Xesús Ferro Couselo, un dos dez centros educativos que participan na primeira edición do programa Escola Verde, impulsado en colaboración coa Consellería de Educación dentro do Plan Proxecta.

A conselleira explicou que Escola Verde é un programa de sensibilización ambiental no que participan unha decena de centros escolares de educación primaria e secundaria, dentro da súa primeira edición. Segundo manifestou a conselleira, Escola Verde non só se limita aos alumnos, senón que tamén ten en conta ao persoal de mantemento, limpeza e comedor e, por suposto, ás familias; converténdose no último elo da cadea, pois o alumnado levará á súa contorna máis próxima as aprendizaxes adquiridas.

Nese sentido, defendeu a posta en marcha deste tipo de iniciativas no eido da educación por ten “claros efectos multiplicadores” para acadar avances, como cidades máis sustentables con cidadáns máis comprometidos, nas que se fomente o consumo responsable e a protección da biodiversidade.

Explicou que grazas a programas como Escolas verde estase a fomentar a “filosofía multierre” (repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, reciclar e recuperar); polo que con xestos sinxelos que debemos adoptar na escolas, e que incluso se poden extrapolar a outros ámbitos do día a día, se acadan grandes beneficios para o conxunto da sociedade. Entre esas “pequenas tarefas” destacou o feito de empregar bolsa de tea reuitlizables para o bocata; conseguir escolas con Aluminio 0 ou un recreo libre de plástico dun só uso; empregar unha pequena cantimplora ou botella reutilizable para as bebidas, non mesturar residuos e depositalo correctamente en cada contedor; ou facer un uso responsable dos recursos, como a

auga, pechando as billas cando se lavan os dentes; ou as fiestras cando se atope acendida a calefacción.

Con esta iniciativa perséguese apoiar ás escolas que queren innovar, incluír, sistematizar e organizar accións educativas que teñan a finalidade de asumir novos retos e valores da sustentabilidade; e conseguir cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente. Ademais, invítase aos centros a incorporar os valores da educación para a sustentabilidade en tódolos ámbitos da vida do centro e das familias e promover a participación activa da comunidade educativa na mellora do seu medio.

Para axudalos, elaborouse un manual para acompañar aos centros participantes en cada un dos proxectos ou iniciativas que están a levar a cabo; polo que se propón a creación dun equipo de trabalo multidisciplinar, un comando verde, no que participen alumnos e profesores.

A educación ambiental é unha ferramenta para crear conciencia en todas as persoas sobre a importancia de coidar o medio ambiente, de protexer a flora e a fauna das súas localidades e sumarse ás iniciativas mundiais; ao tempo que promove que os gobernos activen políticas que resgarden as contornas naturais.