Os concellos galegos poden solicitar axudas para impulsar o emprego no rural
O Goberno galego promove con esta iniciativa o traballo no medio rural con apoios para a contratación de desempregados para a realización de tarefas relacionadas coa prevención de incendios
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria deste ano para as axudas do programa Aprol Rural co que a Xunta espera que os concellos galegos do rural poidan contratar a 600 desempregados. Para iso, a iniciativa conta cun orzamento de 7 millóns de euros.
O prazo de solicitude abriuse hoxe e rematará o próximo 4 de febreiro. Estes apoios están dirixidos aos concellos rurais de Galicia para apoiar a realización de tarefas relacionadas principalmente coa prevención de incendios. Nesta convocatoria, como novidade, elimínanse os límites para as contratacións que terán que centrarse en traballos vinculados coa planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa. As mulleres e os menores de 30 anos seguirán tendo preferencia na convocatoria destas axudas.
Na concesión das axudas terán prioridade os concellos fusionados e que tamén sexan Concellos Emprendedores. A contía media que se estima que se concederá por contrato é de máis de 11.660 euros.
Este programa forma parte dun paquete de axudas que sairán publicadas nos próximos días no DOG para impulsar en Galicia o emprego local. En total, a Xunta investirá en 2019 a través de catro programas máis de 22,3 millóns de euros para apoiar o mantemento ou a creación de 2150 postos de traballo no ámbito local.
Ademais do programa do Aprol Rural, destacan os apoios dirixidos aos concellos galegos para a contratación de perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); as axudas dirixidas tamén aos concellos, neste caso, para a contratación de desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, uns apoios que as administracións locais destinan fundamentalmente á contratación de socorristas; e os apoios para o mantemento e contratación de orientadores laborais no ámbito local (concellos e confederacións e asociacións empresariais e sindicais) e nas
entidades sen ánimo de lucro especializadas na atención a persoas con capacidades diferentes e en risco de exclusión.
Estas liñas de axudas forman parte da Axenda 20 coa que o Goberno galego está impulsando en Galicia a creación de emprego de calidade. O obxectivo destes programas é a mellora da empregabilidade das persoas participantes, que teñen que estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Con esta iniciativa, polo tanto, ofréceselle aos participantes unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunde na súa empregabilidade.