Ourense Cidade

O Concello de Ourense desenvolve un plan de potencialidades de uso da xeotermia na cidade

Este plan desenvólvese dentro de Geoatlantic, primeiro proxecto do programa Interreg Área Atlántica que aposta pola xeotermia como enerxía final de uso público e privado e o seu achegamento á sociedade.

Óscar Gómez

Ourense |

Reunión de Perez Jacome e Jorge Pumar con Nemesio Perez | Concello de ourense

O Concello de Ourense, durante o período estival desenvolverá, en colaboración co socio do proxecto ITER, Instituto Tecnolóxico e de Enerxías Renovables de Tenerife a elaboración dun plan de potencialidades de uso da xeotermia. Este plan está chamado a ser unha ferramenta de axuda ao desenvolvemento de proxectos xeotérmicos na cidade, en especial nas zonas de maior presenza termal, poñendo en valor o binomio termalismo e enerxía sustentable, como elementos diferenciadores de Ourense no espazo europeo.

Sen dúbida está ferramenta será unha axuda máis para que empresas, cidadáns e administracións públicas desenvolvan novos proxectos de aproveitamento do recursos geotérmico do subsolo da nosa cidade.

Os traballos de campo desenvolvésense durante o mes de xullo e a primeira decena de agosto, onde dous equipos técnicos do Centro Tecnolóxico ITER, (Instituto Tecnolóxico e de Enerxías Renovables) socio do proxecto GeoAtlantic, desenvolven un labor para analizar o potencial enerxético do subsolo da cidade para futuros aproveitamentos xeotérmicos mediante unha técnica nova de análise de gases presentes no subsolo ourensán.

“Os resultados deste traballo científico axudarán a coñecer máis sobre as oportunidades de enerxía renovable con que conta esta cidade, e sen dúbida, axudará a poñer en valor os recursos renovables de que dispoñemos”, indica Jorge Pumar, tenente de alcalde de Ourense.

Os traballos son dirixidos polo prestixioso científico Nemesio Pérez, director científico do Instituto Tecnolóxico e de Enerxías Renovables e membro do centro de investigación científica Involcan, o cal subliña as oportunidades do aproveitamento da Xeotermia de Ourense para aforrar no consumo enerxético de familias e empresas.

Aproveitando a presenza de Nemesio Pérez na nosa terra, foi recibido por parte do alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jacome e por parte do tenente de alcalde Jorge Pumar co fin de coñecer de primeira man os traballos que se están realizando na nosa cidade.

Na audiencia o edil Jorge Pumar, destacou a importancia da consecución deste proxecto para os obxectivos de sustentabilidade de Ourense, ao permitir poñer en valor un potencial enerxético de orixe renovable e con gran presenza na cidade.

O proxecto Geoatlantic, liderado desde o Concello de Ourense, busca con carácter xeral promover o uso da enerxía xeotérmica nas comunidades europeas, en especial Ourense, por medio do desenvolvemento conxunto de ferramentas e metodoloxías que permitan crear as condicións necesarias, para favorecer a transición enerxética no Espazo Atlántico a través da posta en marcha de ecosistemas locais favorables, para o impulso dos recursos xeotérmicos locais