14/08/2025

Carlos Taboada e Kike Mauricio visítannos para presentar “Tinta do mar”, a pequeña biografía que acaban de publicar na súa colección “Mulleres galegas” con ilustracións de Tania Solla.
  • 13:42 MIN

A inxustiza de perder a Carlos Taboada

#GrazasCarlos

compartir
A inxustiza de perder a Carlos Taboada

Susana Pedreira recupera a voz de Carlos Taboada para homenaxealo tralo seu repentino falecemento. Así comezamos o programa de hoxe, lembrando a súa pegada en Pontevedra e no mundo da cultura

O impacto do inesperado, daquilo que nos parece imposible que sexa real é o que esta cidade de Pontevedra e o mundo da cultura en Galicia está hoxe intentando asumir e entender. A verdade é que aínda sen éxito porque é imposible entender algo tan inesperado que no mesmo momento de acontecer xa é ausencia.

Carlos Taboada, Carlos Roberto Álvarez Taboada, Charlie de Polo Correo do Vento, faleceu onte aos 45 anos de idade de forma súbita, repentina, inxusta. Como entender a ausencia é algo ao que todas e todos nos enfrontamos, antes ou despois, e cando temos noticia do falecemento de alguén moi coñecido e querido, volvemos experimentar ese shock do inesperado, do que nos parece imposible.

Ilustrador, escritor, editor, activista cultural... pero sobre todo, pai de Artai, compañeiro de vida de Joanna, fillo de Vivi e Carlos, irmán de Mavi, amigo e socio de Kike. Hoxe en Pontevedra o que Charlie é inúndao todo. Centos de persoas pasan desde onte polo tanatorio de San Mauro, compartindo a dor e a incredulidade, a preocupación polos que quedan, a pena pola vida que quedou en pouco para el, e a conciencia da perda que supón para esta cidade, para os seus coles, as súas bibliotecas, o seu Museo, o seu Salón do Libro, as súas rúas e prazas, as paredes sen murais que Carlos xa non pintará.

Era unha desas persoas talentosas en silencio. O ruído do seu talento, e do talento de Kike Mauricio, chegou sen querelo, dunha forma moi natural, pouco a pouco, traballando durante 17 anos ata poder vivir do que lles gusta (aínda que iso que lles gusta sexa a arte, a historia, o debuxo, os contos, a cultura... algo do que é tan difícil vivir). Como chega todo ás persoas que non buscan ser nada pero si facer todo o que saben, con ilusión, amizade, con ganas de que o lugar no que viven sexa un pouco mellor. Pontevedra leva desde onte facendo ruído para deixar claro que sabe todo isto que lle debe a Charlie, a Carlos Taboada.

Ata as cinco desta tarde de xoves a familia e amigos de Carlos Taboada reciben as mostras de afecto no tanatorio de San Mauro en Pontevedra, a esa hora terá lugar un acto civil de despedida no propio tanatorio e, xa na intimidade, será incinerado.

Todo o noso amor e forza para esa familia, a máis íntima e de sangue de Carlos, e tamén a máis ampla que non necesita compartir sangue para estar devastada pola perda. Nós aquí temos a sorte de coñecer ben todo o que Carlos é, Charlie xunto a Kike, inseparables amigos e socios en Polo Correo do Vento, forman parte deste programa desde hai mais dúnha década. Esta é a súa casa para cada cousa que fan, sempre con bo humor. Tiveron tamén unha sección no programa de viaxes Gente Viajera de Galicia e coas súas cuchipandas leváronnos por toda Galicia sempre en busca dos lugares máis auténticos onde tomar a mellor cervexa e a mellor tapa de tortilla.

A nosa homenaxe a Charlie aquí na radio ten que ser así: recuperando a súa voz, esa que xa forma para sempre parte da nosa historia de radio compartida. Grazas por todo, Carlos.