29/04/2026
Iván Calvo, o líder `silencioso´ do Cisne Balonmano

O veterán xogador é unha das referencias máis lexitimadas do primeiro equipo, pese a manter un perfil discreto e baixo tanto nos momentos celebres como nas fases máis críticas.
Iván Calvo Santos (Carballo, 1998) converteuse nos últimos anos nunha das pezas máis sólidas e recoñecibles do Club Cisne Balonmano. O xogador, que ocupa a posición de pivote, destaca tanto polo seu corte específico no sistema defensivo como pola súa traxectoria de fidelidade ao club pontevedrés, ao que chegou no verán de 2019 e no que acumula xa varias campañas consecutivas.
Formado nas canteiras do Xiria e do UB Lavadores, o xogador carballés deu o salto ao Cisne tras curtirse en distintas categorías do balonmán galego, consolidándose progresivamente como un especialista defensivo de referencia.
Ao longo da súa etapa no club branco, Iván Calvo foi partícipe directo de dous ascensos á Liga Asobal, formando parte dunha xeración que levou ao Cisne a competir na elite do balonmán estatal. Esa experiencia resultou fundamental tanto nas tempadas en Asobal como no posterior regreso á División de Honra Prata, onde o equipo apostou pola continuidade dunha columna vertebral baseada na identidade e no compromiso.
Ese peso dentro do vestiario levou ao club a confiar nel non só como xogador, senón tamén como líder. En 2025, o Cisne anunciou a súa renovación e a súa designación como capitán do primeiro equipo, asumindo o brazalete tras a marcha doutros referentes históricos. A entidade destacou daquela o seu carácter, coñecemento do club e capacidade para transmitir os valores do proxecto aos máis novos.
Máis alá dos números, Iván Calvo representa un perfil de xogador cada vez máis valorado no balonmán moderno: compromiso co equipo, regularidade sobre a pista e un papel esencial no equilibrio defensivo. E sempre mantendo unha discrección e exemplaridade tanto dentro como fora da pista.
(Escoita a entrevista íntegra con Iván Calvo, xogador do Cisne Balonmán Pontevedra)
Temas
- Onda Cero Pontevedra
- La Brújula de Radioestadio Pontevedra
- Balonmano
- deportes
- Entrevista
- Hotel Rias Bajas
- Pontevedra


