O novo orzamento municipal ten un aumento próximo aos 4 millóns de euros, en comparación ao exercicio orzamentario do pasado 2024 (un + 4,12 %). Que novidades ten respecto ao ano pasado? En primeiro lugar o apartado que máis sube é o apartado de bens e servizos, ou o tamén chamado gasto corrente», explicou o concelleiro Raimundo González. «Aparecen aquí recollidos os Feroz ou o Multisport de Triatlón ou o incremento nas Festas de 263.000 euros, ou o mantemento de determinados bens municipais coma o mantemento dos centros sociais, as rozas dos camiños, etcétera».
Outro dos aspectos de gasto corrente que sube estaría relacionado cos residuos e o novo contrato para a súa xestión, o canon de Sogama ou o novo servizo de información bidireccional. No apartado de subvencións, que ve aumentada a súa contía, sitúanse elementos coma Culturgal, o Coche de Punto ou as subvencións para o mantemento das gardarías da Xunta, amais das axudas deportivas.
Dentro do apartado de investimentos, figuran proxectos xa presentados e nomeados, coma a renaturalización do Gafos e o parque da Parda, mais «hai moitas outras cousas» como a accesibilidade urbana, a accesibilidade rural, a mellora da eficiencia enerxética en toda a zona leste da cidade, investimentos do ARI (rúa Pasantería), o novo parque da rúa Serra, etcétera.
González define o ano 2025 como un ano «terriblemente inversor» por parte do Concello de Pontevedra, «tendo actuacións de todo tipo: de loita contra o cambio climático, de promoción da cidade, de mantemento dos espazos públicos e de dotación de novos equipamentos». Por último, o edil de Facenda lembrou que o Concello leva 10 anos coas taxas e impostos conxelados e cunha débeda de 6.990.188,20 euros. «Temos claro que este orzamento significará un antes e despois para moitas cousas coas que conta esta cidade», finalizou.

