Deputación de Pontevedra

“A túa meta, o teu destino”, nova campaña turística das Rías Baixas

O presidente provincial, Luis López, desvela a provincia do deporte como o eixo central da campaña de promoción para “conectar, desconectar e reconectar”.

Susana Pedreira

Pontevedra |

A presentadora da gala, Marta Larralde e o presidenta da Deputación de Pontevedra, Luis López
“A túa meta, o teu destino”, nova campaña turística das Rías Baixas | Rafa Estévez - Diputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra presenta a nova campaña de promoción do destino turístico Rías Baixas para o presente ano 2026 centrada por primeira vez no turismo deportivo. Baixo o lema, “A túa meta, o teu destino”, os 61 concellos da provincia amósanse como un auténtico polideportivo ao aire libre no que tanto afeccionados como profesionais do deporte poden desfrutar de calquera tipo de actividade física en solitario, en equipo ou en familia os 365 días do ano nunha contorna natural excepcional. “O deporte é un aliado clave para desestacionalizar o turismo, reforzar a súa calidade e excelencia, e evitar multitudes”, afirmou no Pazo Los Escudos de Vigo o mandatario provincial, acompañado pola vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez; e deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña; membros do goberno provincial e representantes do sector turístico na provincia.

Por segundo ano consecutivo, o goberno provincial elixiu a propia provincia de Pontevedra para estrear a campaña de Turismo Rías Baixas. En lugar de facelo en Fitur, como acontecía con anterioridade e a onde chegará a vindeira semana, a Deputación fíxoo deu a coñecer esta novidosa campaña na casa e dun xeito rompedor, como se dun verdadeiro evento deportivo se tratara. Luis López presentou o destino Rías Baixas como unha carreira na que hai unha saída, un percorrido, unha data, un equipo, participantes inscritos e unha organización.

Rías Baixas, destino líder en Galicia

A actriz viguesa Marta Larralde foi a encargada de conducir unha gala na que se proxectaron dúas pezas audiovisuais, unha na que deportistas de diversas disciplinas presentaron a provincia como un escenario único para a práctica deportiva; e outro, o vídeo oficial da campaña de Turismo Rías Baixas, que presenta a provincia como un espazo natural incomparable para desfrutar do deporte. Un acto no que tamén foi protagonista a deputada de Deporte, Luisa Sánchez, que conversou sobre a cultura deportiva da cidadanía da provincia coa presidenta do club de ximnasia rítmica Maniotas, Paula García. “Temos moitas axudas para deportistas, entre elas unha axuda á formación de mulleres en postos de adestradoras e árbitras para impulsar a igualdade e o liderado feminino no deporte; e acollemos máis de 500 eventos ao ano, por exemplo este ano imos ser unha das sedes da copa mundial de natación artística, do Gran Camiño ou das finais das series mundiais de tríatlon, que traerán moitísimo turismo de calidade”, salientou a vicepresidenta.

O evento contou tamén cunha charla entre o deputado de Turismo Jesús Vázquez Almuíña e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia sobre a pegada do turismo na provincia e o papel dinamizador do deporte para este sector nas Rías Baixas. “O 2025 foi un ano moi bo. Fomos líderes en ocupación hoteleira en Galicia, estamos nos dez mellores destinos da España verde e incrementamos os visitantes estranxeiros, que xa están arredor do 25 e 50 % do total”, contextualizou o responsable provincial de turismo, que ve no deporte unha oportunidade estratéxica para o crecemento sustentable do sector.

O vídeo promocional da campaña “A túa meta, o teu destino”, impulsado pola Deputación e Turismo Rías Baixas xa está dispoñible.