As xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela darán o pistoletazo de saída ás Festas de Peregrina coa lectura dun pregón conxunto desde a balconada da Casa Consistorial. Por vez primeira na historia documentada, este acto tradicional contará con dúas figuras protagonistas. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou este xoves, 24 de xullo, a presentación oficial das pregoeiras. Dúas mulleres comprometidas co feminismo, loitadoras pola igualdade e donas dun talento e determinación únicos á hora de poñer en marcha un congreso convertido en referencia absoluta no seu eido, como é ‘As mulleres que opinan son perigosas’. Susana Pedreira é licenciada en xornalismo, unha voz habitual na nosa cidade grazas ao seu traballo en Onda Cero Pontevedra. Residente da Boa Vila desde o 2010, é un referente xornalístico no eido cultural e literario. Pola súa banda, Diana López Varela é tamén licenciada en xornalismo e natural de Pontevedra. É unha das voces máis vivas e activas no xornalismo de opinión, destacando tamén como guionista de TV e teatro. Xunto con Susana é o outro pé e alma máter do nomeado congreso nacido no ano 2018. «Van ser dúas pregoeiras espectaculares. A súa traxectoria ao longo dos últimos anos permite máis que xustificar a súa elección para esta tarefa», indicou o rexedor. «Son impulsoras dun congreso que pode definirse como un proxecto referente, que o Concello apoiou desde o primeiro momento, e que defende a participación das mulleres en todos eidos, especialmente nos medios de comunicación e no xénero xornalístico da opinión. Creo que non puidemos escoller mellor. Contar con elas dá prestixio a Pontevedra e ás Festas da Peregrina».
Diana López Varela agradeceu a proposta do Concello á hora de seren pregoeiras «para un acto tan especial como é a lectura deste pregón». «Somos media e media pregoeiras. É un orgullo. Compartimos desde o ano 2018 a organización das Mulleres que opinan son perigosas, mais tamén somos amigas, amigas desde nenas, e para min Susana sempre será un referente para min. Que nos diría que hoxe poderíamos organizar ese congreso tan fermoso e poder ler este pregón?». Susana Pedreira, que se considera «PDC (Pontevedresa de Corazón)», agradeceu tamén a dobre escolla como pregoeiras, reivindicando a «amizade entre mulleres, levándoa até ese balcón da Casa Consistorial». «Prometemos que seremos divertidas, que vai estar á altura desta cidade. Eu non nacín aquí, pero desde hai 16 anos nunca dubidei de que este é o meu lugar no mundo, pois a calidade de vida que aquí atopei non a sentín en ningún outro sitio», explicou. «Sentímonos un pouco coma Jennifer López e Shakira, como esas dúas mulleres latinas que por primeira vez actuaban na Superbowl… Para nós este pregón é como unha Superbowl"

