Paco & Lola, Krack e El Nogal

Pontevedra reivindica o tecido empresarial local na gala dos Premios Feroz

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo un encontro con patrocinadores locais e destacou a importancia de que a gala teña unha repercusión social e económica directa na cidade a través de empresas de referencia

Susana Pedreira

Pontevedra |

Paco & Lola, Krack e El Nogal
Pontevedra reivindica o tecido empresarial local na gala dos Premios Feroz | Concello de Pontevedra

Lores subliñou que unha das condicións fundamentais para organizar este evento en Pontevedra foi garantir un impacto real na economía e na sociedade pontevedresa. "Queremos que teña relación coa actividade económica e co tecido industrial e empresarial", afirmou Miguel Anxo Fernández Lores. O alcalde amosouse "orgulloso" de contar con empresas que potencian o esforzo do Concello por deixar un "pouso" que beneficie á sociedade en xeral.

A adega Paco & Lola, situada no Salnés e conformada por máis de 430 familias viticultoras, será o viño oficial da gala. Laura Cachón, responsable de Marketing e Comunicación da firma, destacou que tras ser recoñecidos como a mellor adega de viño branco do mundo no certame IWSC de Londres, a gala será a primeira gran celebración do ano para a marca. Como gran novidade para esta edición, ademais do seu recoñecido Albariño, a adega ofrecerá o seu viño sen alcohol lanzado o ano pasado para que todos os asistentes poidan gozar do produto.

Pola súa banda, a empresa pontevedresa Krack, líder no sector do calzado con máis de 60 tendas, repite colaboración tras o éxito acadado en 2025. Viviana López Novoa, responsable de comunicación de Krack, lembrou que a súa anterior acción —unha máquina expendedora de zocos— recibiu un Premio Paraguas do Clúster de Comunicación de Galicia á mellor estratexia de marketing. Para a gala deste 24 de xaneiro, a firma prepara unha acción distinta na posgala coa que buscan "sorprender de novo non só aos asistentes, senón ao público que siga a gala polas redes sociais e a tele".

Finalmente, a empresa de Campo Lameiro El Nogal elaborou por primeira vez un produto ad hoc e inédito para o evento. Trátase dunha edición especial baseada na améndoa Marcona de calidade gourmet con diversos sabores. Sabela Cidrás, representante de El Nogal, explicou que a marca estará presente no hospitality, na gala e no convite posterior. A proposta inclúe un contido interactivo mediante un código QR que permite coñecer o proceso creativo deste proxecto único deseñado especificamente para os Premios Feroz. O Concello de Pontevedra conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra na promoción do gala dos Premios Feroz.