A súa instalación deu paso á lectura pública no vestíbulo do Manifesto do Día Internacional da Muller, elaborado por estudantado do Consello da Muller Nova do IES Sánchez Cantón e lido por tres alumnas: Cristina Martínez Lariño,Tala Froiz Martínez e Manuela González Martínez. Neste acto estiveron arroupadas por edís dos tres grupos políticos con representación municipal (BNG, PSOE e PP), co alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías ao fronte. En nome da mocidade, as alumnas agradeceron “os avances de quen se esforza por cambiar o comportamento machista ou ataque a calquera forma de igualdade, respecto e liberdade”. Pero tamén o esforzo “miles de persoas que ao longo da historia se implicaron na loita e mesmo lograron mudar as leis” e dirixindo a mirada ao mediático caso Rubiales, subliñaron “agora quen nos bica sen permiso pasa directamente á bancada en lugar de ser vitoreado”. Son moitos os retos que enfrontan as mozas e mulleres no día a día, e para acadar a igualdade l piden “respecto e madurez”, a todos e todas, no mundo real e no virtual. E, engadiron “a verdade é que o machismo é a actitude de preponderancia dos varóns respecto de nós e o feminismo é a doutrina que defende a igualdade de dereitos entre home e muller”.
E que para se entendera ben, explicaron o feminismo cun símil deportivo (futboleiro): “a defensa sería o feminismo mentres que o machismo é o atacante. Pero un atacante que leva moito tempo intentando deixarnos atrás. Un atacante, pois, que está por diante da defensa, nun claro fóra de xogo. Así que calquera gol que nos meta é ilegal aínda que moitas veces quen arbitra non o vexa e todo pareza válido”. Para rematar cunha mensaxe de esperanza: “queremos que teñades claro que aínda que neste momento, o marcador parece reflectir vantaxe cara ao machismo, queda moito partido, e xuntas e xuntos, faremos unha barreira para evitar que siga avanzando”.

