Medio Ambiente

A Xunta licita as obras de humanización do lugar de Alvite en Beariz

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Beariz asinaron o convenio de colaboración, polo que se executará unha mellora da vía de entrada á praza principal deste núcleo

Óscar Gómez

Ourense | 09.12.2019 09:30 (Publicado 09.12.2019 09:29)

Reunión da Conselleira de Medioambiente e o alcalde de Beariz
Reunión da Conselleira de Medioambiente e o alcalde de Beariz | xunta de galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licitará en 2020 as obras de mellora e humanización da rúa do Lugar de Alvite, neste municipio ourensá. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Beariz, Manuel Prado, veñen de asinar un convenio de colaboración para a execución desta actuación de urbanización; onde a Xunta asume un 70% do importe do convenio (máis de 110.000 euros), mentres que o concello a porcentaxe restante (case 35.000 euros).

A actuación consistirá na mellora dos accesos á praza principal de Alvite, unha aldea singular que nos últimos anos ten experimentado un gran pulo e desenvolvemento desde o punto de vista social, turístico e demográfico pola vía de diversas actuacións de rehabilitación de iniciativa tanto pública como privada. Ángeles Vázquez trasladoulle ao alcalde a importancia de establecer lazos de colaboración como o asinado con Beariz, pois trátase de mellorar e acondicionar os espazos urbanos para facilitar a accesibilidade aos veciños e poñer en valor zonas dun concello.

Asemade, destacou que este tipo de colaboracións tamén son un instrumento para axudar a frear o despoboamento do rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.