Xunta e alcaldes da Ribeira Sacra impulsan a candidatura de reserva da Bioesfera
O obxectivo da Xunta é elevar este ano a candidatura oficial ante o comité español encargado do programa co obxectivo de que a Ribeira Sacra se converta a medio prazo na sétima reserva da biosfera declarada en Galicia
. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse esta mañá con alcaldes e representantes municipais dos concellos lucenses da Ribeira Sacra co fin de presentarlles o proxecto para que este territorio sexa declarado Reserva da Biosfera pola Unesco. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Xunta e aberta á participación de todas as entidades públicas e privadas asentadas nesta zona, tal e como lles trasladou aos asistentes a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.
Así, lembrou que as Reservas da Biosfera son territorios que actúan unidos co obxectivo de harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social a través da relación integral das persoas coa natureza. Para logralo, Do Campo explicoulles que as funcións fundamentais desta figura son a conservación da biodiversidade do territorio protexido, o desenvolvemento das poboacións e asentamentos humanos locais, e o apoio loxístico á investigación, formación e comunicación.
A directora de Patrimonio Natural incidiu en que a obtención do distintivo de Reserva da Biosfera, outorgado ao abeiro dun programa da Unesco para áreas terrestres, costeiras ou mariñas senlleiras, ofrece un amplo abano de oportunidades ambientais, culturais e socioeconómicas para as empresas, administracións públicas e entidades privadas asentadas nese territorio.
Coa xuntanza de hoxe, a consellería retoma os contactos iniciados en 2018 co obxectivo de recompilar apoios e sumar esforzos para que a candidatura a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra se poida elevar oficialmente ante o Goberno do Estado este mesmo ano. Neste sentido, Do Campo trasladoulles aos rexedores que, se a Unesco acepta a solicitude, este territorio localizado a cabalo entre as provincias de Ourense e Lugo pasaría a converterse na sétima Reserva da Biosfera de Galicia e suporía á vez un gran apoio á candidatura tamén en marcha para declarar esta zona Patrimonio da Humanidade.
Nestes momentos, a comunidade ten seis espazos que contan con esta figura de protección e representan case o 25% de todo o territorio galego: Terras do Miño, Allariz, Os Ancares, río Eo, Xurés e Mariñas Coruñesas-Terras de Mandeo.
Os 20 concellos incluídos nesta nova proposta de Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra –Bóveda, Carballedo, Chantada, O Incio, Monforte, Pantón, Paradela, Pobra do Brollón, Portomarín, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela na provincia de Lugo, e Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira, en Ourense- suman case 249.000 hectáreas, é dicir, o 8,4% da superficie total de Galicia.
Gran parte deste territorio, en todo caso, xa está sometido a diferentes figuras de protección polo que a directora xeral insistiu en trasladarlles aos alcaldes que a declaración como reserva da biosfera non levaría aparellada a promulgación de novas normas nin a introdución de usos máis restritivos, senón que se manterían os establecidos nos plans actuais que rexen para as áreas protexidas ou nos terreos rústicos e urbanos a través das normas sectoriais vixentes.
A principal diferencia con outras figuras de protección de ámbito nacional ou internacional, segundo indicou Belén do Campo, radica no papel fundamental que se lle dá á poboación que vive e traballa dentro do territorio da Reserva da Biosfera e á súa integración harmónica coa natureza que a rodea, como unha vía para abrir novas oportunidades desde o punto de vista agrícola, turístico, de servizos e mesmo industrial.
A declaración como Reserva da Biosfera, en todo caso, si implicaría a elaboración dun plan de xestión co fin de establecer os obxectivos e liñas a desenvolver a curto e medio prazo, así como a designación do correspondente órgano de xestión, de carácter executivo, e dun foro de participación social no que estarán representados o Estado, a Xunta, as Deputacións provinciais de Lugo e Ourense e todo tipo de entidades e asociacións presentes nesta zona.