O xefe de persoal di que avisou a Baltar dos contratos ilegais

Os técnicos da Deputación de Ourense contradín a versión do exbarón popular e sinálano como único responsable das irregularidades

ondacero.es

Ourense | 01.07.2014 09:29

Jose Manuel Baltar
Jose Manuel Baltar | Onda Cero

O procedemento de urxencia para contratar persoal na Deputación usárase ata entón de forma «moi excepcional» e, non obstante, foi o elixido para as 104 incorporacións polas que José Luis Baltar está a ser xulgado dende onte. O expresidente admitiu que foi el quen o decidiu así ao considerar que cubrir eses postos era urxente. De feito, fíxose dese modo malia a oposición do xefe de recursos humanos, José Luis Suárez. Este declarou onte que ese procedemento era «ilegal» para eses empregos e que así llo advertiu a Baltar. Ademais, o presidente ordenou a «contratación directa», é dicir, «sen amparo normativo».

O funcionario contradixo así o declarado polo expresidente, que asegurou que ninguén o avisou das supostas irregularidades. As contradicións foron aínda máis alá cando se tratou de aclarar quen era o encargado de elixir o nome concreto das persoas que debían ser contratados. Baltar dixo que, salvo excepcións nas que «xa estaba claro», el elixía varias persoas para un mesmo posto e José Luis Suárez decidía cal delas sería a seleccionada. Este negouno contundentemente e afirmou que o presidente se poñía en contacto con el «por chamada telefónica ou verbalmente» e lle dicía quen ía ser contratado.

Ante a existencia de versións contraditorias, o avogado de José Luis Baltar preguntou a Suárez se consideraba suficiente unha simple advertencia verbal e este dixo que si. Ademais, o letrado insistiu en interesarse por que o xefe de persoal non consideraba adecuado o procedemento de urxencia. O funcionario dixo entón que ese sistema de selección se reserva para prazas que, de non se cubrir, poidan xerar «un grave prexuízo» para os servizos públicos provinciais e non era o caso».

José Luis Suárez -neste caso a preguntas do avogado do PSOE, José Arcos- cre que o criterio seguido para elixir aos beneficiados foi que se tratase de persoas que xa traballaran previamente para a Deputación. O xefe de persoal -que tamén é presidente local do PP en Monterrei, onde o seu pai é alcalde- negou que as contratacións teñan relación co congreso que o partido celebrou nesas datas.

Antes de José Luis Suárez, foron interrogados o secretario, Francisco Cacharro, e o exinterventor, José María Baños. Ambos os dous aseguraron que se decataron dos contratos con posterioridade a que fosen asinados e, polo tanto, non puideron informar previamente como sería preceptivo. Cando ao primeiro dos citados se lle preguntou por que non o fixo a posteriori, dixo que porque non pode a menos que o solicite o propio presidente ou un terzo dos deputados. Os últimos cambios normativos no que respecta aos secretarios «despoxáronos» dese tipo de responsabilidades de oficio, segundo dixo Cacharro. Deixáronnos no chasis, lamentou o funcionario, que insistiu na importancia da publicación das ofertas de emprego público «para que calquera se poida presentar». No que se refire ao exinterventor, insistiu en que descoñeceu as contratacións ata que xa se realizaran e negou que o pagamento das nóminas supuxese un informe favorable pola súa banda.

Tamén estaba previsto que testificasen outros traballadores da institución e supostos enchufados pero a importancia das testemuñas citadas onte demorou as declaracións e o xuízo tivo que se suspendido ás tres da tarde.