Eleccions 2019

Os socialistas presentan as candidaturas

Gonzalo Caballero asegurou que a dereita “só pode amosar no seu balance municipal das cidades un goberno en Ourense que é o exemplo do maior desastre de política municipal de Galicia"

Óscar Gómez

Ourense |

Acto en Expourense | Psoe ourense

O secretario provincial do PSdeG-PSOE e candidato á alcaldía de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; a cabeza de lista ó Congreso pola provincia, Marina Ortega; e o alcalde do Barco de Valdeorras e presidente da Fegamp, Alfredo García, defenderon hoxe que os socialistas son a única opción “real” que permitirá “mudar a realidade da provincia de Ourense”, fronte ó secuestro da dereita desde a Deputación Provincial que Baltar converteu nunha “antigualla”, dixeron, e ante unha Xunta de Galicia “desnortada” con Núñez Feijóo á cabeza.

Durante un acto celebrado hoxe na Fundación de feiras e exposicións de Ourense, Expourense, que contou coa participación da vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra; e do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, os socialistas tamén chamaron á “mobilización masiva” co fin de “seguir a gobernar para a maioría”, logo de evidenciar durante os últimos 10 meses accións de goberno para “unha sociedade máis plural, máis xusta, máis igualitaria e onde caibamos todos e todas”.

Rafael Rodríguez Villarino destacou, sinalando ós candidatos e candidatas ás alcaldías da provincia, que “estas son as forzas que nós van levar a cambiar por primeira vez a Deputación”. O secretario xeral provincial tamén salientou que PSdeG-PSOE “está máis cohesionado e unido que nunca”. Durante a súa intervención, Villarino explicou que asumiu encabezar a candidatura na capital ourensá porque “é necesario sacar á cidade do abandono á que está sometida por culpa do PP”. Entre outras medidas, dixo que os socialistas rescatarán a concesión do aparcadoiro do Hospital Universitario de Ourense propiedade da Deputación, e insistiu na necesaria mellora dos servizos sociais do Concello de Ourense que, segundo denunciou, “non están a cumprir coas necesidades máis básicas das persoas”.

“Imos crear unha idea de cidade real porque estamos nunha cidade termal que non é termal, nunha cidade fluvial que non mira cara ó río, ou nunha cidade cun gran conxunto histórico recoñecido que sen embargo está a esmorecer”, declarou. “Quero convidarvos á unión e á ilusión”, insistiu o candidato á alcaldía da terceira cidade de Galicia. Pola súa banda, Alfredo Garcia dixo que hoxe foi “un día grande para esta provincia” ante o que definiu como as mellores candidaturas socialistas presentadas “nunca”. García destacou o papel clave dos alcaldes e alcaldesas, e defendeu o “municipalismo” e a xestión “plural e responsable” do PSOE desde numerosos concellos e nas outras tres deputacións galegas. “Hai que acabar cos concellos que vexetan agardando a limosna do presidente da Deputación da dereita que goberna esta provincia, defendendo a necesidade dun plan único de concellos que evite que os municipios teñan que pedir esmola” aseverou García. “A Deputación de Ourense é unha antigualla”, insistiu antes de destacar que os socialistas queren “cambiar os concellos desta provincia para abrilos á cidadanía e practicar outra forma de gobernar”. Marina Ortega afirmou que Ourense “é o experimento no que se poden ver as consecuencias de que a dereita goberne en todas as institucións públicas” co abandono de grandes problemas como a demografía ou a falta de oportunidades no emprego local. “Non queremos máis experimentos da dereita”, insistiu. A cabeza de lista ó Congreso tamén fixo un repaso das principais medidas que beneficiaron á cidadanía durante os 10 meses do actual goberno socialista de Pedro Sánchez. Pola súa banda, Gonzalo Caballero, destacou que Rodríguez Villarino “é sen dúbida o mellor candidato a alcaldía de Ourense” para recuperar unha cidade “que non se pode resignar porque é unha referencia de Galicia pero un exemplo do nefasto goberno municipal da dereita”. Así mesmo denunciou que “a credibilidade” de Núñez Feijóo é “nula”, logo de calar durante os anos de recortes e negacións do goberno de Mariano Rajoy, e destacou que o presidente da Xunta “só pode amosar no seu balance municipal das cidades un goberno en Ourense que é o exemplo do maior desastre de política municipal que existe hoxe en Galicia”. Adriana Lastra animou á “máxima mobilización” ante a presenza do “fascismo ás portas do Congreso” que “hai que parar”, para que “a pesar das mentiras e difamacións”, o goberno central de Pedro Sánchez siga a traballar por “mellorar a calidade de vida dos españois”.