Deputación

Premio Ourensanía para o oncólogo Rafael López

O premio está organizado coa Deputación

Paco Sarria

Ourense |

Premio Ourensanía para o oncólogo Rafael López
Premio Ourensanía para o oncólogo Rafael López | onda cero ourense

O doutor Rafael López López (Vilamartín de Valdeorras, 1959) será condecorado co premio Ourensanía 2025 , que “recoñece non só os seus méritos profesionais, senón tamén, e de xeito moi especial, a súa profunda e constante vinculación coa provincia de Ourense, que mantivo viva ao longo dos anos desde a súa actividade profesional, académica e persoal”, tal e como sinala o xurado deste galardón, matizando que “Ourense está presente no seu traballo, no seu discurso e na súa maneira de entender a medicina como un servizo á comunidade”.

Con este recoñecemento, a provincia quere devolverlle a Rafael López López “unha pequena parte do moito que el lle ten entregado, sendo un orgulloso embaixador da Ourensanía no mundo da ciencia e da sanidade”, tal e como fixo constar o xurado na acta da reunión onde se decidiu a persoa que recibiría este premio que outorga a Deputación como recoñecemento honorífico a aquelas persoas ourensás ou vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

O presidente da Deputación, Luis Menor, comunicou oficialmente ao investigador ourensán a concesión deste premio, felicitándoo “pola súa ampla traxectoria profesional na especialidade de Oncoloxía”. Rafael López, pola súa banda, manifestou que a concesión deste premio “é unha honra”.

A decisión de conceder o Premio Ourensanía 2025 foi adoptada por unanimidade por parte do xurado, presidido por Luis Menor e integrado por, Luis González Tosar, Eva Torres, José Manuel Díaz Barreiros e Maribel Outeiriño, e actuando como secretario o director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez. A entrega do galardón será o vindeiro 10 de novembro no Teatro Principal.