Sanidade

Os Pacs e hospitais ourensáns atenderon a 200 afectados polos lumes

Cuadros respiratorios e queimaduras foron os máis frecuentes

Paco Sarria

Ourense |

Os Pacs e hospitais ourensáns atenderon a 200 afectados polos lumes
Os Pacs e hospitais ourensáns atenderon a 200 afectados polos lumes | onda cero ourense

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras rexistrou un total de 208 asistencias sanitarias directamente vinculadas cos incendios forestais acontecidos entre o 11 e o 26 de agosto.

A maior parte destas atencións realizáronse nos Puntos de Atención Continuada (PACs), que sumaron máis de 120 casos. Destacou o PAC do Barco de Valdeorras, con 62 asistencias, seguido do PAC de Verín, con 56. Pola súa banda, os servizos de urxencias hospitalarias atenderon arredor de 80 casos, sendo o Hospital Público de Valdeorras e o Hospital de Verín os máis activos, con 17 e 31 asistencias respectivamente.

As causas máis frecuentes das consultas foron a inhalación e intoxicación por fume, acompañadas de cadros de dificultade respiratoria, así como queimaduras e traumatismos derivados da loita contra o lume e das tarefas de evacuación. Tamén se atenderon numerosos casos de irritación ocular e corpos estraños nos ollos, xunto con episodios de ansiedade e desorientación en persoas afectadas.

Client Challenge

No relativo ao perfil dos pacientes, a atención sanitaria abarcou desde nenos e adolescentes ata persoas de idade moi avanzada, incluíndo maiores de 90 anos. Non obstante, a franxa máis habitual situouse entre os 30 e os 60 anos, tanto en poboación xeral coma en brigadistas e bombeiros implicados nas tarefas de extinción.