Ourense Cidade

Ourense será pioneira e un exemplo en innovación nas tecnoloxías para transformar os residuos

O rexedor destaca que este proxecto, ademais de dar solucións ás necesidades de mellora do Medio Ambiente, “ofrecerá novas vías e oportunidades de negocio para a nosa cidade”.

ondacero.es

Ourense | 13.12.2018 09:45

alcade de ourense, presentacion Biofactoria
alcade de ourense, presentacion Biofactoria | concello de ourense

O Concello de Ourense será pioneiro e referente mundial da Economía Circular, unha estratexia que aposta por transformar e aproveitar os residuos que se producen nas sociedades avanzadas. Durante os vindeiros tres anos a EDAR de Ourense acollerá a Unidade Mixta Centro de innovación galego de sistemas avanzados de tratamento de augas (CIGAT)-Biofactoría. Trátase dun proxecto que conta cun orzamento de 1,86 millóns de euros que permitirá avanzar na obtención de enerxía a partir das augas residuais, así descubrir novas tecnoloxías para poñer á disposición das empresas encargadas da xestión de residuos.

A presentación deste proxecto, no que participan a empresa Viaqua, o Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaqua) e que conta co apoio da Xunta de Galicia e o Concello, contou coa presenza do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; Alberto Sánchez, Xerente de Cetaqua, Julio Masid, Director de Viaqua e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, GAIN.

“A través desta iniciativa buscaremos alternativas para que Ourense sexa un referente mundial de cidade con residuos cero. Na que os elementos que xorden ao depurar as augas se reutilicen en diversos eidos, como na xeración de bio-combustibles ou o a través do uso dos lodos como abonos naturais”, explicou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez durante a presentación .

O rexedor salientou que o proxecto CIGAT-Biofactoría “é un magnífico exemplo da colaboración público-privada, que nos situará en primeira liña e que se poderá exportar a outros puntos de Galicia, España e do resto do mundo”.

Vázquez Abad destacou que a Unidade Mixta “ademais de dar solucións ás necesidades de mellora do noso Medio Ambiente, ofrecerá novas vías e oportunidades de negocio para a nosa cidade”, xa que as propostas para transformar e aproveitar os residuos a través de novas tecnoloxías “van abrir moitas posibilidades para noso empresariado”.

A Unidade Mixta dá continuidade a un proxecto de colaboración público-privada iniciado en 2015, que sitúa a Galicia na avangarda da innovación tecnolóxica no sector da auga. CIGAT-Biofactoría ten como misión o desenvolvemento e transferencia ao mercado de novas solucións tecnolóxicas no tratamento da auga.

O proxecto inclúe a proba na estación depuradora dun prototipo de novas tecnoloxías que permitirán avanzar na obtención de enerxía a partir dos residuos da auga. Así, a EDAR situarase como unha instalación pioneira a nivel mundial no campo da biorrefinería, é dicir, na obtención de produtos de alto valor engadido baseados no carbono non obtidos do petróleo.

Julio Masid, director de Viaqua, salientou a colaboración do Concello de Ourense e da Xunta de Galicia neste proxecto “que é unha aposta pola innovación como elemento diferenciador”.

Pola súa banda, Alberto Sánchez, xerente de Cetaqua, cualificou a Unidade Mixta como “un reto precioso que permitirá dar solucións tecnolóxicas ao mercado e aproveitar todo o potencial que existe nas correntes residuais”:

A directora da Axencia Galega de Innovación GAIN, Patricia Argerey, felicitou ao rexedor “pola súa visión dunha cidade moderna, preocupada polo tratamento dos residuos e pola Economía Circular”.