O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao complexo deportivo de Monterrei para anunciar que o Goberno galego ampliará a partir do 22 de xullo a oferta de servizos de transporte público interurbano na comarca de Ourense para mellorar as conexións tanto do Hospital de Piñor como das piscinas de Monterrei.
Explicou Manuel Pardo, que co fin de dar resposta á crecente demanda de transporte público cara este centro sanitario, a Xunta ampliará os horarios semanais na ruta Piñeiro - Ourense E.I. que dá servizo ao Hospital de Piñor. Con saída dende a estación intermodal incorpóranse tres expedicións ás 12:30, 17:00 e 18:00 horas de luns a venres non festivos. Dende Piñeiro haberá novas saídas ás 14:00 e 18:30 horas de luns a venres non festivos. Estas cinco novas expedicións súmanse ás 22 existentes, que conectan o Hospital de Piñor con Ourense.
Os horarios de saída dalgunhas liñas da comarca terán pequenos axustes de 5 ou 10 minutos para optimizar a prestación dos servizos ao longo do día. Unha das liñas e a Toén-Ribadela-Ourense E.I que dende o 22 de xullo terá novo horario de saída ás 10:30, 11:20 e 17:25.
Outra actuación que se fixo para atender ás necesidades das persoas usuarias durante a tempada estival, foi engadir unha nova saída ás 11:40 de luns a venres na liña que une A Valenzá e Ourense con Monterrei (Piscinas). Agora a ruta contará con 7 expedicións diarias.

