Tren Turistico

Nova edición dos Trens Turisticos de Galicia

Marisol Díaz Mouteira lembrou que esta campaña, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, Inorde Ourense e Renfe, estenderase ata o 26 de outubro e ofrece 12 itinerarios diferentes, dos que 7 percorren a provincia ourensá

Óscar Gómez

Ourense |

Trenes Turisticos de Galicia | xunta de galicia

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, xunto co presidente do Inorde, Rosendo Fernández, saudou hoxe aos participantes da segunda viaxe da ruta Ribeira Sacra Sil, que forma parte da sétima edición dos Trens Turísticos de Galicia que se está a desenvolver ata o vindeiro 26 de outubro.

Esta ruta, que está dedicada á Ribeira Sacra e que percorre o o río Sil, a comparten as provincias de Ourense e Lugo. Os seus viaxeiros visitarán a adega Regina Viarum, en Sober; o centro de interpretación do viño desta denominación de orixe, en Monforte de Lemos; a aula de ferrocarril da estación dos Peares e o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

A edición deste ano desta campaña, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e Renfe, ofrece 12 itinerarios dos que 7 percorren a xeografía da provincia de Ourense.

Díaz Mouteira destacou a aposta da Xunta por esta iniciativa que “mellora a oferta turística global e diferenciada da nosa Comunidade ao permitir o contacto do viaxeiro coa nosa enogastronomía, e tamén achegarlles os nosos produtos e recursos naturais e termais”.

Doce itinerarios

En total, os viaxeiros poderán desfrutar nesta edición de ata 12 itinerarios temáticos diferentes. Os Trens Turísticos de Galicia ofrecen rutas que inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús e teñen un prezo por ruta de 45 euros para adultos (con descontos do 15% para grupos de 10 ou máis adultos) e 20 euros para os nenos. Os billetes pódense adquirir a través da web de Renfe e, como novidade, tamén se habilitou este ano un punto físico de venta de billetes na oficina de Renfe instalada en San Martiño Pinario. Amais, pódese atopar toda a información na web de Turismo de Galicia www.turismo.gal