Medio Rural

A Xunta valora o aumento dos custos de produción dos gandeiros

O Goberno galego agarda que a medida se estenda ao conxunto da distribución e que se traslade pola cadea de valor do leite ata chegar aos produtores e advirte de que continuará vixiante sobre o cumprimento da lei da cadea alimentaria nesta materia.

Óscar Gómez

Ourense | 01.09.2021 10:22

A Xunta valora o aumento dos custos de produción dos gandeiros
A Xunta valora o aumento dos custos de produción dos gandeiros | onda cero

A Xunta recoñece e valora a sensibilidade amosada por algunhas empresas de distribución á hora de recoñecer un incremento dos custos de produción que teñen que afrontar os gandeiros e aplicar, en consecuencia, unha suba dos prezos do leite nos seus lineais. O Goberno galego agarda que esta medida se estenda ao conxunto da distribución e que se traslade de xeito eficaz ao longo da cadea de valor do leite, ata chegar aos produtores.

Nesta reflexión coincidiron hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, e o secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, nunha xuntanza de traballo na que tamén participou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Trátase da primeira das xuntanzas que a Consellería do Medio Rural levará a cabo coas organizacións profesionais agrarias e coas asociacións do sector.

Así, ambas partes consideran que se hai sensibilidade na distribución á hora incrementar o prezo do leite ao consumidor final e para rexeitar o seu uso como produto reclamo ou outras prácticas desleais, sendo conscientes de que detrás hai uns gandeiros que afrontan un incremento dos seus custos de produción, iso ten que verse reflectido no prezo que se paga á industria e cara atrás na cadea, tense que ver tamén no prezo que se lles paga aos gandeiros.

Ademais, neste mesmo sentido o conselleiro advertiu de que a Xunta continuará vixiante sobre o estrito cumprimento da lei da cadea alimentaria nestes aspectos. José González e Roberto García puxeron en valor a utilidade da aplicación informática Conta Láctea, creada pola Xunta, para constatar ese incremento no prezo dos insumos para os gandeiros, e iso -engadiu- ten que verse reflectido nos seus contratos.

A maiores, o titular de Medio Rural trasladou que o Observatorio do sector lácteo, que a Xunta vai regular cun decreto específico, será o instrumento que permita acadar unha mellor estrutura sectorial para analizar e avanzar nestas cuestións.

Neste mesmo sentido, o conselleiro sinalou que a Xunta está a aplicar todos os mecanismos de que dispón para que se faga cumprir a lei, entre eles a referida Conta Láctea e o devandito Observatorio do sector. Nesta liña, explicou que o anteproxecto de Decreto que regulará este órgano estará exposto para consulta pública deica o 9 de setembro no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta, co obxecto de que calquera interesado poida facer chegar as súas aportacións de cara á elaboración da norma.

A maiores, a Estratexia sectorial contempla reactivar as reunións de traballo do Observatorio do Sector Lácteo incorporando ás conversas á distribución e ás asociacións de consumidores, mantendo reunións periódicas lideradas pola Administración que sirvan para analizar as problemáticas e as tendencias do sector co obxecto de prever e previr crises para contribuír á estabilidade do sector. Ao tempo, busca mellorar a dispoñibilidade de datos e informes sobre o sector lácteo fornecidos pola Consellería do Medio Rural a través do Observatorio.

Así mesmo, a Estratexia inclúe a creación dunha oficina que xestione a transferencia de coñecemento dos centros de investigación e formación dependentes da Consellería do Medio Rural e que contribúa a aliñar a investigación coas necesidades do sector, aproveitando foros como o Observatorio do Sector Lácteo.

O Observatorio

Creado en 2007 como órgano colexiado de asesoramento e consulta cos representantes do sector, o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia ten entre as súas funcións a de analizar a situación deste eido produtivo e as diferentes problemáticas que o afectan, ademais de recompilar os datos técnicos e económicos que se lle remitan relativos ás explotacións de vacún de leite. Nese senso, tamén ten atribuído o papel de elaborar un sistema de información e os índices de referencia que se consideren axeitados para o coñecemento da evolución do sector lácteo, así como publicacións e estudos sobre a materia.

Entre os cometidos do Observatorio tamén se encontra a subministración aos axentes representativos do sector de información sobre a situación estrutural e conxuntural deste eido produtivo, fundamentada, entre outros, nos prezos pagados e percibidos polos produtores, nos resultados da xestión técnica e económica das explotacións de leite e na situación de oferta e demanda dos produtos lácteos no mercado. Tamén ten asignado o asesoramento aos diversos servizos da Consellería do Medio Rural no exercicio das funcións que teñen atribuídas no ámbito da produción agraria.