O labor da oficina móbil percorrendo os concellos rurais e as vilas máis pequenas —que acumula xa arredor de 200 visitas desde 2023— compleméntase co desenvolvido nas cinco oficinas permanentes situadas nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago, nelas lévanse tramitado arredor de 140.000 consultas desde a súa posta en marcha hai cinco anos, atendendo a 30.000 familias, preto de 3.000 só na área de Ourense.
José González fixo fincapé en que a iniciativa —enmarcada no paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna— confírmase como unha ferramenta esencial para facilitar o retorno, a integración e o acompañamento permanente aos galegos e galegas que deciden regresar á súa terra. Nese senso, sinalou que Galicia é hoxe unha terra de oportunidades á que poden voltar para sumar o seu talento e capacidades ao mercado de traballo —ben por conta allea ou propia— contribuíndo a cubrir vacantes e tamén a afrontar o propio reto demográfico. Ademais, lembrou que a Xunta ofrece tamén achegas extraordinarias ao retorno para cubrir as necesidades derivadas do seu regreso. Precisamente, a convocatoria de 2025, dotada con 2,3M€, abre mañá o prazo de solicitudes. No balance de 2024, na provincia de Ourense concedéronse preto de 200 axudas a familias retornadas por valor duns 580.000€.
Acompañamento permanente no retorno
Entre os servizos que se ofrecen a través destas oficinas —tanto nas fixas como na móbil— atópanse o asesoramento sobre programas de apoio ao retorno, ofrecendo información actualizada sobre as axudas económicas e programas dispoñibles para facilitar a integración en Galicia. Tamén se brinda axuda nos trámites administrativos, prestando apoio na realización de xestións relacionadas coa sanidade, a vivenda, a educación, a Seguridade Social e outras cuestións importantes para a vida cotiá das persoas retornadas.
Ademais, inclúese orientación laboral, proporcionando asesoramento para a busca de emprego en Galicia e guía sobre a validación de títulos acadados no estranxeiro. A este respecto —e co obxectivo de contribuír de xeito máis eficaz a captar e reter o talento dos galegos e galegas do exterior— o Consello da Xunta vén de aprobar o novo plan de formación permanente do Servizo Público de Emprego de Galicia, que por primeira vez estará tamén dispoñible para o persoal destas oficinas de retorno.

