Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia nace dunha exposición que acolleu a Biblioteca de Galicia en 2023 e fai un repaso a un tema con fonda pegada na sociedade galega, pero pouco analizado academicamente. Neste senso, Anxo M. Lorenzo celebra “unha homenaxe visual e documental coa que a Xunta de Galicia que pon en valor a verbena como parte esencial da identidade galega contemporánea, unha viaxe emocional e sonora que reivindica estas festas como símbolo da nosa idiosincrasia, con pasado, presente e moito futuro”.
Un século de orquestras de verbena en Galicia
A mostra baseouse nun estudo da Universidade de Santiago titulado Do palco ao escenario, coordinado por Xaime Fandiño e do que son partícipes Zósimo López e Henrique Neira, comisarios desta exposición. Cun deseño de Fausto Isorna, conta a evolución da verbena galega ao longo dun século amosando imaxes de programas de festas, fotografías e, sobre todo, carteis de estilos moi diferentes. A través destas pezas pódese apreciar a adaptación a cada época dun xeito de lecer arraigado en Galicia, cun tecido económico propio do sector, en constante desenvolvemento e innovación.
As verbenas galegas adquiriron personalidade propia ao longo do século XX, vendo como as gaitas do país e as bandas de música incorporaron ritmos importados de América como o charleston, o fox-trot ou o jazz. A súa expansión consolidouse tras a Guerra Civil, coa recuperación das festas de barrios nos anos 40, e viviu un grande auxe nos 80 grazas á visibilidade da Radio e Televisión de Galicia.
Nos anos 90, o sector afrontou unha crise marcada pola competencia das discotecas e macroconcertos, que obrigou ás orquestras a reinventarse cun enfoque centrado no espectáculo. Entre 2012 e 2019, adaptáronse aos gustos da mocidade e renovaron os seus formatos. A pandemia de 2020 supuxo un novo reto, pero tamén deu paso a propostas musicais que reivindican a verbena como parte esencial da identidade cultural galega.

