Comercio

A Xunta iniciará en Ribadavia o proxecto de dinamización comercial "Vilas Vivas"

Por segundo ano, a vila acollerá un mercado de Nadal que reunirá produtos artesáns e alimentarios de calidade e potenciará o comercio local, dinamizando baixos en desuso e favorecendo a actividade no seu casco histórico.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A Xunta iniciará en Ribadavia o proxecto de dinamización comercial "Vilas Vivas"
A Xunta iniciará en Ribadavia o proxecto de dinamización comercial "Vilas Vivas" | Xunta de Galicia

Segundo salientou o responsable autonómico, por segundo ano consecutivo —e en colaboración coa Consellería do Medio Rural— o casco histórico de Ribadavia converterase na ponte de decembro nun gran mercado aberto de produtos amparados baixo os selos de Artesanía Alimentaria e Artesanía de Galicia, ademais de escaparate para o comercio local. Concretamente contará con 14 obradoiros de Artesanía de Galicia distribuídos entre a Igrexa da Madalena e a rúa Banda da Lira —xa nos locais integrados no proxecto Vilas Vivas—, así como con obradoiros gratuítos para todos os públicos e cursos de formación especializada en artesanía vinculada ao Nadal e, como novidade, un espazo específico na Alameda onde os comercios de Ribadavia poderán ofrecer os seus produtos.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural contará con diversos espazos na Praza Maior para promocionar os produtos agroalimentarios galegos amparados por distintivos de caldiade diferenciada. En concreto, haberá unha carpa na que estarán presentes 32 produtores de Artesanía Alimentaria, un espazo dedicado a catas de viños coa participación de 14 adegas da Denominación de Orixe Ribeiro e outro reservado para actividades infantís.

Arranque do proxecto Vilas Vivas

A Xunta iniciará en Ribadavia o proxecto de dinamización comercial "Vilas Vivas"
A Xunta iniciará en Ribadavia o proxecto de dinamización comercial "Vilas Vivas" | Xunta de Galicia

Durante a rolda de prensa, José González salientou que esta nova edición de Artesanía, Saber e Sabor non só consolida o éxito acadado o ano pasado —con arredor de 8.000 visitantes—, senón que representa o inicio dun modelo innovador de dinamización comercial en vilas senlleiras. Así, o conselleiro subliñou que Vilas Vivas converterá Ribadavia na primeira experiencia dun proxecto destinado a recuperar o comercio local de cascos históricos singulares, con potencial turístico e cunha produción local senlleira como motor económico a través da rehabilitación de baixos en desuso e a súa posta a disposición dos comerciantes e artesáns en réxime de licitación pública.

A súa implementación, segundo explicou, será gradual. A partir do 5 de decembro, coincidindo co evento Artesanía, Saber e Sabor abriranse preto dunha decena de locais que acollerán actividades comerciais, artesanais e culturais en formato efémero, e permanecerán ao longo de todas as festas do Nadal, facilitando así as sinerxías coa programación de Nadal do Concello—. A continuación, no primeiro trimestre do ano, período no que se desenvolverá tamén unha acción de dinamización arredor do viño do Ribeiro, avanzarase na reforma dos locais xa alugados co fin de abrilos ao público de maneira progresiva e acadar no mes de xuño de 2026 un total de 15 establecementos distribuídos por tres rúas e prazas do casco histórico. O obxectivo é artellar unha zona comercial tractora que impulse a economía da vila da man dos axentes locais -comercio, restauración, Praza de Abastos...- ,

aproveitando a identidade histórica de Ribadavia e o peso de cuestións diferenciais como o viño do Ribeiro, o patrimonio, a paisaxe, o termalismo ou a gastronomía para completar de desañar unha proposta integral de cara ao visitante, de dentro ou de fóra de Galicia contando tamén coa oportunidade do AVE.