O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez entregou 28 novos vehículos todoterreo a axentes ambientais da Consellería, para seren empregados na prevención e extinción de incendios, así como na xestión forestal sustentable. Neste acto, que tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), o conselleiro destacou que esta entrega é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego a prol da dotación de medios do seu persoal, co fin último de mellorar o servizo que se presta aos cidadáns, neste caso no eido forestal.
Os todoterreo que se entregan repartiranse a razón de sete unidades por cada provincia. O investimento total para a súa adquisición superou os 1,2 millóns de euros. O conselleiro anunciou a entrega doutros 33 vehículos ao longo deste primeiro semestre de 2023, por un importe de case 1,5 millóns de euros. Todos estes vehículos están financiados ao cen por cento con fondos REACT-UE, habilitados pola Unión Europea como resposta á pandemia e enmárcanse no Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.
Entrega en novembro
Esta entrega súmase á realizada o pasado mes de novembro, na que se facilitaron 89 vehículos todoterreo a axentes ambientais e persoal técnico da Consellería coa mesma finalidade de contribuír á loita contra o lume e á xestión forestal sustentable. Neste ano vaise renovar tamén o renting de vehículos pick-up para as brigadas de seis meses. Trátase de 137 unidades que foron entregadas o pasado ano. Esta renovación suporá unha nova achega por parte da Consellería de arredor de un millón de euros.
Na súa intervención neste acto, José González subliñou que este esforzo en materia de dotación de vehículos complementa outros que está facendo a Xunta no eido forestal e, máis concretamente, na loita contra os incendios. Así, cabe lembrar que se van investir 21,76 millóns de euros para mellorar os medios do servizo antiincendios, mediante a contratación de oito helicópteros para coordinación e extinción, de cando menos unha ducia de tractores-cisterna (chamados batracios) e de máis de 15 motobombas, ás que hai que engadir outras 13 novas, adquiridas o pasado ano e que serán entregadas neste 2023. En parecidos termos, tamén haberá renovación de equipamentos de inverno e de verán do dispositivo, así como de equipos de protección individual (EPI) de extinción e adquisición de autorrescatadores.
Mellora de infraestruturas
Neste contexto, o conselleiro puxo tamén en valor a construción e mellora de infraestruturas preventivas, nas que se van investir 14,8 millóns de euros, tales como a nova base de helicópteros en Lalín ou a mellora da de San Xoán de Río, na provincia de Ourense. Cabe referirse, asemade, ás tres novas bases de unidades operativas (denominadas BUO) en Muíños, Rianxo e Mondoñedo, así como á conversión da nave do polígono industrial lalinense de Botos nun taller e nave de almacenamento integral do Servizo, ou ao remate das melloras na base e no distrito forestal de Verín.
Do mesmo xeito, cómpre facer mención ao investimento de 700.000 euros para ampliar o catálogo de accións do Plan de formación do persoal antiincendios e aos 1,5 millóns que permitirán crear un novo grupo formado por profesionais especializados en grandes incendios para a loita contra esta nova tipoloxía de lumes que afecta a nosa comunidade.