A Xunta de Galicia ten reservado un orzamento de algo máis de 120.000 euros para financiar diferentes actuacións e proxectos dentro do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra, algunhas delas xa en execución e outras a impulsar entre este ano e 2026.
Durante unha visita a este espazo protexido, localizado no concello de Rubiá, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que os traballos previstos se enmarcan no plan integral de acción para a posta en valor e mellora da Rede galega de parques naturais, un conxunto de medidas impulsado polo seu departamento co fin de contribuír á súa preservación e conservación, ao tempo que se dá a coñecer o seu papel como elemento clave para incrementar a resiliencia de Galicia fronte ao cambio climático e os seus efectos.
Tras indicar que o plan abrangue os seis parques naturais da Comunidade e mais o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a responsable autonómica avanzou as principais actuacións programadas na Serra da Enciña da Lastra. En concreto, anunciou que este ano se executarán diversas actuacións silvícolas (incluíndo rozas, podas e plantación de novos exemplares) para avanzar na recuperación e mellora do estado dos hábitats de soutos e aciñeirais, tan característicos deste parque.
Outro dos proxectos previstos para este ano é a elaboración dun catálogo da macromicobiota do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra, que estudará os fungos filamentosos deste espazo protexido, dos que case non se teñen realizado estudos. A información inventariada servirá para avanzar no recoñecemento da biodiversidade deste espazo protexido e tamén para facer aportacións ao catálogo da macromicobiota da provincia de Ourense e de Galicia.
Así mesmo, a conselleira tamén se referiu aos principais traballos executados recentemente neste mesmo espazo natural. En concreto, puxo en valor a renovación da área de lecer da contorna do centro de visitantes, coa colocación de novos valados e mesas e un investimento realizado de 16.000 euros, e tamén a recuperación dos muros de mampostería nesta mesma zona da Nogal, na parroquia de Biobra, uns traballos executados polo Concello de Rubiá grazas a unha axuda da Xunta de 40.000 euros.