Mellora de camiños municipais

A Xunta destina 500.000€ Na mellora de zonas rurais da comarca da Limia

O delegado territorial cualificou o Plan Camiña Rural como unha ferramenta esencial para xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e traballo nas zonas rurais.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A Xunta destina 500.000€ Na mellora de zonas rurais da comarca da Limia
A Xunta destina 500.000€ Na mellora de zonas rurais da comarca da Limia | Xunta de Galicia

“As infraestruturas viarias son de vital importancia para as contornas rurais, xa que xeran cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e traballo nestas zonas. Os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, reforzan o tecido social e contribúen a mellorar a capacidade organizativa e contribúen a fixar poboación”.

Así o manifestou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, na súa visita ao concello de Sarreaus, un dos 10 municipios da comarca da Limia da provincia de Ourense beneficiarios do Plan Camiña Rural 2025-2026, no que a Xunta destinou preto de 500.000 euros para a mellora de infraestruturas rurais.

A Xunta destina 500.000€ Na mellora de zonas rurais da comarca da Limia
A Xunta destina 500.000€ Na mellora de zonas rurais da comarca da Limia | xunta de galicia

Manuel Pardo detallou que no caso deste municipio, a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, destinou 48.817 euros, para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas; e lembrou que co arranxo deses camiños, a Xunta non só contribúe á accesibilidade e vertebración do territorio senón tamén ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitando o tránsito de maquinaria ás explotacións conséguese tanto unha maior axilidade das operacións como unha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.

En concreto, -explicou o delegado territorial-, as achegas van destinadas a facilitarlles aos concellos galegos a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a, cando menos, dúas parcelas agrícolas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía como un aumento da súa lonxitude se finalizan nunha estrada ou noutro camiño. Tamén se subvenciona o reforzo do firme, de noiros ou de cunetas, as obras de mellora da sinalización ou da drenaxe e a adecuación de traballos de paso de cursos fluviais, así como o mantemento do firme, a limpeza das marxes do camiño ou o reforzo dos terrapléns. Con todo, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

Concellos beneficiarios

O delegado territorial salientou que ademais desta entidade local, os concellos beneficiados desta comarca foron Porqueira (44.676€), Os Blancos (40.000€), Vilar de Barrio (55.790€), Baltar (45.911€), Rairiz de Veiga (48.857€), Sandiás (48.406€), Trasmiras (44.087€) e Xinzo de Limia (66.387€).

Manuel Pardo rematou subliñando que desde o ano 2016, a Xunta de Galicia leva investidos máis de 167 millóns de euros neste tipo de actuacións na nosa comunidade, o que permitiu actuar en 6.042 camiños municipais, cunha lonxitude total de 4.744 quilómetros mellorados. O Plan Camiña Rural, anteriormente coñecido como Plan Marco, convócase de forma ininterrompida desde 2013 e consolidouse como unha ferramenta esencial para o desenvolvemento sostible do rural galego.