A Xunta de Galicia aprobou hoxe o primeiro Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do concello de Castrelo de Miño, un documento que está chamado a guiar o desenvolvemento urbanístico do municipio ourensán durante os vindeiros 16 anos e que substituirá ás Normas subsidiarias de 1985 polas que se rexía ata o momento.
Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que estivo esta mañá no concello para asinar a orde de aprobación definitiva do novo planeamento. En presenza do alcalde, Avelino Pazos, e acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a responsable autonómica puxo en valor o traballo, o esforzo e a implicación de todas as persoas que contribuíron a que o PXOM de Castrelo do Miño sexa hoxe unha realidade.
Neste sentido, subliñou que se trata dun fito importante para os 1.321 habitantes das 24 parroquias en que se divide o municipio da comarca do Ribeiro, cunha extensión de 39,8 km2 que foron analizadas ao detalle durante o proceso de redacción do planeamento.
Entre os obxectivos principais do novo PXOM, Ángeles Vázquez subliñou, en especial, a loita contra o despoboamento co obxectivo de fixar poboación no municipio. Así, prevese a posta en marcha de medidas para fomentar a ocupación de inmobles xa construídos e que actualmente están baleiros, así como a dotación de novas vivendas protexidas —en réxime de venda ou de alugueiro— a través da delimitación de solo urbanizable residencial nos núcleos de Astariz e Barral.
Por outra banda, a conselleira tamén destacou que no documento se prevé a creación de solo empresarial para potenciar a actividade industrial e comercial —concretamente, na zona de Prado —e a mellora das dotacións públicas municipais, sobre todo as deportivas.
Así mesmo, a rexeneración e conservación dos núcleos rurais tamén é unha das prioridades fixadas no plan xeral, un obxectivo acorde coa distribución do propio concello, onde o 94,68% é solo rústico e menos dun 1%, urbano ou urbanizable.
Para mellorar os servizos e a calidade de vida dos veciños, o documento tamén reserva un total de 36.352 metros cadrados para espazos libres e zonas verdes e outros 49.206 metros cadrados destinados a equipamentos comunitarios.
Pola súa parte, o alcalde Avelino Pazos asegurou que “hoxe é un día grande para o concello e para todos os veciños e veciñas de Castrelo de Miño”, xa que o municipio se dota despois de 17 anos de traballo dunha ferramenta de ordenación que resulta “imprescindible hoxe en día”. “O que precisamos é asentar poboación ante a caída demográfica. E ordenando o territorio e creando emprego imos logralo”, dixo.
Ningún concello sen PXOM
Tras enmarcar a aprobación do PXOM de Castrelo do Miño na aposta decidida da Xunta de Galicia polo urbanismo responsable co obxectivo de lograr o reto de que non haxa ningún concello sen PXOM, Ángeles Vázquez lembrou que, nestes momentos, 112 municipios e 1 millón de galegos contan xa cun plan xeral totalmente acorde e adaptado á lexislación marco de referencia.
En concreto, indicou que 80 destes plans foron aprobados polo actual Goberno galego, sendo o de Castrelo de Miño o sexto ao que se lle deu luz verde no que vai da presente lexislatura —despois dos de Baños de Molgas, Rubiá, Portas, Ponteareas e Folgoso do Courel— e o primeiro deste ano.
Estes datos, engadiu a conselleira, reflicten os froitos do esforzo do Goberno galego por traballar da man dos concellos para impulsar un urbanismo responsable, e por iso avanzou que este ano o seu departamento seguirá mantendo esa mesma liña de colaboración, cunha partida de 3,2 millóns de euros reservada para axudar ás entidades locais coa redacción dos seus PXOMS.