Ourense Cidade

O P.P. solicita a redución do pago do imposto de circulación aos vehículos máis ecolóxicos

A redución fiscal alcanzaría a máxima porcentaxe que permite a lei nacional, un 75% da cota anual a pagar

Óscar Gómez

Ourense | 14.06.2021 08:08

O P.P. solicita a redución do pago do imposto de circulación aos vehículos máis ecolóxicos
O P.P. solicita a redución do pago do imposto de circulación aos vehículos máis ecolóxicos | onda cero

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ourense vén de presentar unha emenda de modificación ao proxecto de ordenanza fiscal reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica, recentemente aprobada en xunta de goberno.

O obxectivo da emenda, tal e como explica o concelleiro Jorge Pumar, é solicitar a redución ao máximo do que permite a lei actual do pago da cota aos vehículos considerados de baixas ou cero emisións. É dicir: aquelas motorizacións que permiten unha emisión reducida de gases e que eliminan ou reducen os molestos ruídos de motores. “Trátase dunha medida coa que buscamos a xustiza fiscal para que aqueles veciños e veciñas que aposten pola sostenibilidade, sexan recompensados polo beneficio que dan a todos”, recalca Jorge Pumar

En concreto, a proposta ten como fin alcanzar o máximo posible permitido pola lei, -do 75 por 100 na cota incrementada do imposto-, iniciativa da que serán beneficiarios os empresarios e cidadáns que sexan titulares de vehículos que aposten pola mobilidade sostible caso de motorizacións eléctricas ou híbridas (motor eléctrico-gasolina, eléctrico-gasóleo ou eléctricogas) ou que utilicen gas natural comprimido ou metano, hidróxeno ou enerxía solar para a súa propulsión.

Jorge Pumar explica esta proposta dos populares, afirmando que “esta medida ten como obxectivo mellorar a calidade de vida da cidade, promovendo o uso de vehículos máis sostibles e menos ruidosos que axuden a un ambiente máis agradable e confortable no conxunto da cidade, e dando un paso firme cara a unha cidade sostible cun modelo de mobilidade máis próximo ao equilibrio ambiental”.

Para Jorge Pumar a mobilidade do futuro “é aquela que respecta e aposta polas persoas no espazo da cidade, por iso desde o PP da cidade defendemos este tipo de medidas que permitan a Ourense adiantarse ás tendencias e poder responder as demandas dos cidadáns no seu día a día”.