Premio a Roberto Verino

Roberto Verino plasma o orgullo de ser galego

“A moda foi un motor de innovación social, industrial e económico fundamental e transformador en Galicia”

Óscar Gómez

Ourense | 20.06.2022 10:32

Roberto Verino plasma o orgullo de ser galego
Roberto Verino plasma o orgullo de ser galego | onda cero

O orgullo pola terra foi a temática ao redor da que xirou a disertación que ofreceu Manuel Roberto Mariño Fernández (Verín, 1945) a un auditorio repleto e emocionado ante o seu ingreso na RAGBA, institución á que agradeceu profundamente o recoñecemento. Tamén expresou a súa gratitude ao Concello de Verín por facilitar o enclave para este encontro máxico e especial na vila que o veu nacer e que se converteu no seu apelido profesional, Verino, sinal da súa marca e da súa vida bañada polas cores, rúas, luces e atardeceres do maxestoso Val de Monterrei. Por suposto, compartiu coa súa familia esta distinción e agradeceu o seu apoio desde os inicios, así como co seu equipo de traballo e amigos que o acompañaron neste longo camiño persoal e profesional, onde a perseveranza foi o credo e norma do seu traballo. “Desde o particular ao universal, este foi o leitmotiv do meu quefacer como deseñador” –puntualizou–.

De regreso ao sentimento de orgullo pola súa terra, Roberto Verino relatou ao auditorio como foi capaz de proxectalo no mundo da moda, cunha carreira marcada por “impregnar de pegadas recoñecibles a orixe de cada peza, o lugar onde se confeccionaba, marcando un camiño de identificación, de orixe, de revalorización da nosa terra”, asegurou o deseñador.

Sen adiantarnos á historia, Roberto Verino narrou a súa infancia en Verín, lembrando as clases co mestre Xesús Taboada Chivite e as historias relatadas sobre o guerrilleiro Viriato, orixinario da vila, que fora quen de vencer ao exército romano da época, un personaxe no que Verino se viu reflectido ao longo da súa vida. “De aí ven a miña vocación, o empuxe e compromiso para facer fronte ás batallas máis atrevidas e a tentar levar adiante todos os meus propósitos na modo, no mundo da viticultura ou na miña vocación artística” –confesou–. E continuou relatando a súa xuventude, o paso polo bacharelato, as clases de Peritaxe Industrial en Ourense e as de francés con Madame Valentina, que foi o elemento catalizador doutro cambio de visión: “non tiña por que conformarme con estudar algo que non me gustaba”.

Roberto Verino
Roberto Verino | onda cero

O soño do Viriato da moda convertido en realidade

Empurrado polo ADN de Viriato, París converteuse nunha especie de obsesión para Roberto Verino, que finalmente emprendeu esta viaxe á cidade da luz en 1962, decidido, con tan só 17 anos, a estudar moda na capital francesa. Primeiramente ingresou na escola preparatoria L’École de Condé para poder traballar o ingreso na carreira de Belas Artes. Nesta época, Verino coñeceu a unha familia moi importante do téxtil francés, os Lamsberg, e comezou a traballar para eles.

Tras varios anos de dura aprendizaxe e traballo, Roberto Verino regresou a Galicia en 1967 cunha idea clara na cabeza, producir desde a súa terra a colección da marca Billy Bonny de Lamsberg. Con esta licenza na man, o deseñador recorreu de novo á colaboración inestimable da súa familia para poder a crear a empresa, creando xa na década dos 80 unha industria da moda nun lugar sen tradición téxtil como era Verín. “En 1982, hai exactamente 40 anos, fun capaz de crear a miña primeira colección, a dos liños, con Roberto Verino como marca” –sinalou–. Ao ano seguinte abriu a súa primeira tenda en París, sendo o primeiro español en conseguilo despois de Balenciaga, así como un showroom internacional. Tamén en 1983, e seguindo coa súa teima de introducir referencias culturais nas súas coleccións, Verino inclúe na súa colección primavera-verán debuxos de inspiración celta, obra orixinal do seu amigo o pintor Xaime Quessada.

Nos seguintes anos, Verino lembrou como as súas coleccións estaban representadas en vinte países, destacando o volume de facturación en Francia, Inglaterra, Bélxica, Países Nórdicos, Canadá, Estados Unidos, Xapón e Emiratos Árabes. “A moda foi en Galicia un motor de innovación social, industrial e económico fundamental e transformador” –afirmou–. Lembrou a pioneiros como a fábrica de camisas Regojo en Redondela, a revista Galicia Moda, e por suposto, o máximo expoñente do éxito, Inditex.

Na súa longa carreira, Roberto Verino confesou ter traballado con grandes supermodelos, como Christy Turlington, Helena Christensen, Olatz López Garmendia, Yasmeen Ghauri ou Cordula Reyer que vestiron “made in Galicia”, “made in Spain” con pezas levando a etiqueta de “fabricado neste val”, e con fotógrafos de renome como Javier Vallhonrat ou Jacques Oliver. “Ser deseñador para min é ser un home comprometido co mundo, é unha ilusión, un soño, unha boa razón para vivir, un camiño de perfección persoal. Os deseñadores temos o compromiso moral de proxectar non só unha calidade formal, a cor ou a textura, senón comprometernos con outros elementos como a elección do tecido e os oficios. Pretendín sempre ser un deseñador funcional, un fanático da ecuación funcional” –argumentou–.

O perseguimento do sentimento de orgullo de país que plasmou Verino nas súas pezas evidencia como as persoas que visten a súa marca elixen unha forma de vivir, unha maneira de pensar e uns valores. “A muller Roberto Verino é activa, dinámica, intelixente e libres” –afirmou–. E de maneira global, enunciou a forza motriz do mundo da moda como fonte de inspiración para moitos axentes locais, testemuña de momentos únicos e espello de como vive unha época a humanidade.

Idilio arte e moda

Persoalmente, Roberto Verino compartiu co público que considera que non hai mellor alianza para a moda que a arte, cun vínculo que historicamente sempre funcionou, e destacou que desde a súa visión a moda é un “elemento impulso” da arte” en si mesmo, como así o demostraron creadores como Coco Chanel, Yves Saint Laurent, Christian Dios, Cristóbal Balenciaga e Karl Lagerfeld con pezas dignas de calquera museo. Neste afán por ir sempre por diante, Verino fundou xunto a Jesús del Pozo, Modesto Lomba, Anxo Schlesser e Antonio Pernas a Asociación de Creadores de Moda en España (ACME). Tamén no 25 aniversario Roberto Verino, a marca expuxo no Museo do Traxe e na Gabarrón Foundation de Nova Iork. Nesta simbiose entre moda e arte, o deseñador verinense lembrou como no 2015 incorporaron nunha nova tenda de Ourense un espazo de arte permanente que se converteu nun lugar de encontro de artistas.

De xeito paralelo á moda, onde tamén se animou co deseño de gafas e a creación de perfumes, Roberto Verino volta a súa terra para proxectar a súa paixón polo viño coa creación da Adega Gargalo, situada nas ladeiras do Castelo de Monterrei, un enclave recoñecido en todo o val como o mellor para a produción de viño.

Para finalizar a súa intervención, Verino enunciou unha das súas máximas: “Menos é máis”, facendo referencia á moda sen artificios e aos armarios sostibles con pezas que pasan de xeración en xeración pola súa calidade, polo seu deseño e por ser respectuosas co medio ambiente. “Convídolles a investir en pezas que duren anos e que nos acompañen en momentos importantes” –recomendou o deseñador, Agulla de Ouro en 1992, Medalla Castelao en 1996, Medalla de Ouro das Belas Artes en 2008 e recoñecemento ao deseño da fragrancia feminina seleccionada polo Musée du Louvre para os seus Collections du Musée como un dos obxectos elixidos no 2002.

Quintana Martelo loou a figura de Roberto Verino, galego e universal, un dos nomes máxicos da moda galega e un dos seus máis salientables renovadores desde os anos oitenta. O presidente da RAGBA engadiu que a moda ten a capacidade de atraer e conectar con millóns de persoas desde a súa funcionalidade e a súa conceptualidade, unha mostra da capacidade que outras artes teñen máis limitada, polo que se evidencia a relación manifesta entre moda e arte e que se pode contemplar en diferentes exposicións museísticas ao longo do tempo. “Ben a encher ese baleiro que había no pleno da Academia e a demostrar, con toda certeza, que o seu traballo e achegas a esta institución será un pulo máis para enriquecer o noso labor a prol das artes e da cultura galegas” –engadiu–.

Un emprendedor que viaxa da moda, con perfumes e gafas, ao viño de Monterrei

O académico Xurxo Lobato foi o responsable de ofrecer a réplica a Verino. Sinalou a teima que ten a Academia de integrar as novas maneiras de entender a práctica artística, co fin de abrir a institución á sociedade e enriquecela cunha “mirada plural, diversa, de tendencias e xéneros”. O fotógrafo destacou que coa entrada do deseñador énchese o baleiro que había co mundo da moda, tan importante e un dos sinais de identidade de Galicia.

Ademais de arte, Lobato explicou que a moda é tamén unha industria, tal e como se recolleu na Bauhaus ou no Laboratorio de Formas de Galicia de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo. “Son firme defensor da función social da arte, e penso que en moitas das realizacións dos deseñadores ligados á industria téxtil podemos ver esa creatividade aplicada” –explicou–.

Na busca da internacionalización e diversificación, Xurxo Lobato rememorou como Roberto Verino apostou por crear a súa primeira fragrancia feminina en 1992, e unha colección de gafas en 2006. Anteriormente, en 1996, Lobato indicou como o deseñador se adentrou noutra das súas paixóns, o viño, coa creación da adega Terras do Gargalo.

O acto tamén contou coa asistencia doutros académicos da institución e autoridades, como o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso; o delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; a deputada de Cultura da Deputación de Ourense, Patricia Torres; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; ademais doutros representantes da corporación como o tenente de alcalde, Diego Lourenzo; a segunda tenente de alcalde, Rosario Rodríguez; o concelleiro de Transportes, Feiras e Hostalería, Manuel Lorenzo; a concelleira de Desenvolvemento Rural e Medio Ambiente, Purificación Caldelas; o concelleiro de Deportes e Pedanías, José Luís Martín; e a concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza; así como a alcaldesa de Oimbra, Ana María Villarino; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; o secretario xeral da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, José Ramón Justo; e a secretaria do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elvira Carregado.