Ourense Cidade

Reabrese o tráfico Marcelo Macías en sentido entrada a Ourense todos os días a última hora da tarde

Se os traballos avanzan ao ritmo esperado, a finais de outubro será posible reabrir de forma permanente ao tráfico Marcelo Macías sentido Ourense

Óscar Gómez

Ourense | 09.09.2020 08:55 (Publicado 09.09.2020 08:52)

Obras en Marcelo Macías
Obras en Marcelo Macías | onda cero ourense

A Xunta reabrirá ao tráfico a rúa Marcelo Macías en sentido entrada a Ourense todos os días arredor das 19,30 horas, aproximadamente, co obxectivo de minimizar as afeccións aos usuarios e comerciantes da zona. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron unha reunión coa empresa adxudicataria para darlle instrucións sobre a reorganización dos traballos, minimizando afeccións aos usuarios, veciños e comerciantes da zona. Na reunión constataron, ademais, que se as obras avanzan ao ritmo esperado, a finais de outubro será posible reabrir de forma permanente ao tráfico a rúa Marcelo Macías sentido Ourense.

Cómpre lembrar que esta medida xa se aplicou con éxito a pasada fin de semana, cando a rúa quedou aberta ao tráfico en sentido entrada desde a última hora do venres e ata a primeira hora da mañá deste luns. Con esta decisión, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade busca reducir as molestias das obras de acondicionamento que se están a levar a cabo na ría sobre os usuarios e comerciantes da zona.

Obras en Marcelo Macías
Obras en Marcelo Macías | onda cero ourense

A actuación, cun investimento autonómico de 1,7 millóns de euros, iniciouse o pasado 18 de agosto e suporá A mellora integral da rúa nun treito de 1,3 quilómetros, no que se acometerá a renovación do firme e a mellora das beirarrúas. No referente aos servizos, renovaranse as redes de abastecemento, saneamento e as de alumeado.

Ademais a actuación inclúe o reforzo da seguridade viaria coa instalación de pasos de peóns con iluminación específica. A intervención aproveitarase para facer labores de mantemento no viaduto sobre o río Barbaña, que se dotará de iluminación singular e traballarase na accesibilidade peonil.